Por Galicia Confidencial | Ribadavia | 17/07/2025 | Actualizada ás 09:00
Roberto Pascual foi director da MIT de Ribadavia dende o 2009 ao 2024 e ten chegado a colaborar con artigos de opinión nalgunha ocasión para este medio de comunicación. Durante eses anos referidos, comentan dende a organiación, "soubo facer da Mostra un evento de referencia tanto para a profesión e a cultura galega como para a escena internacional. Nestes anos a MIT avanzou situouse entre os máis prestixiosos festivais de teatro, en diálogo con compañías, redes e circuítos escénicos de primeiro nivel. Á vez que mantivo o carácter comunitario, identitario e arraigado no espírito transformador e renovador dos seus inicios históricos, alimentando o valor da cultura como pilar esencial para a cidadanía".
Este galardón instaurouse no ano 2000 co obxectivo de recoñecer publicamente a colectivos ou persoas notoriamente responsables do progreso e do bo labor nas artes escénicas galegas, contribuíndo á modernización e democratización social e cultural. Despois de 16 anos á fronte da Mostra, Pascual deixa unha fonda pegada tanto no festival e o sector teatral como na veciñanza de Ribadavia. Con este galardón a nova dirección da Mostra quere recoñecer o seu compromiso coas artes escénicas e coa cultura galegas.
Despois de 16 anos á fronte da Mostra, Pascual deixa unha fonda pegada tanto no festival e o sector teatral como na veciñanza de Ribadavia
TRAXECTORIA DE ROBERTO PASCUAL
O homenaxeado, e actual Vicedirector da ESAD de Galicia, Roberto Pascual, é tamén membro do Consello da Cultura Galega, na sección de Xestión e Políticas Culturais. Doutor en Estudos da Literatura e da Cultura pola Universidade de Santiago de Compostela, estudou Filoloxía Galega e tamén o Posgrao en Arte Dramática. Como divulgador cultural, colabora para varios medios. Como dramaturgo, destaca a súa peza Sophie non é o meu nome de guerra, coa que obtivo o XX Premio Rafael Dieste de Textos Teatrais 2021 da Deputación da Coruña. Ten traballado en equipos artísticos como tradutor ou dramaturgo para varias compañías teatrais como ButacaZero, Teatro Oficina do Centro Cultural Vila Flor de Guimarães, CDG, etc. Formou parte de diversas comisións e asesorías institucionais. É autor de diversos libros e artigos sobre as artes escénicas. O seu traballo na xestión cultural mereceu diversos recoñecementos, como o Premio Arenteira de Cultura 2017 na súa terra natal, O Carballiño.
PREMIO DE HONRA E INAUGURACIÓN DA MIT 2025
A entrega do Premio de Honra terá lugar este venres 18 de xullo ás 20h, durante o acto inaugural desta 41ª edición. Será un dos momentos especiais da Mostra, que recoñece e celebra así a transición na dirección artística para dar paso a esta nova edición baixo o lema de “Escenas en tránsito”.
A MIT deste ano (18 a 26 de xullo) aposta pola contemporaneidade, a diversidade, as prácticas comunitarias, a mirada feminista e os formatos híbridos. Con 23 espectáculos (incluidas 7 estreas en Galicia), 5 obradoiros, 3 residencias artísticas e máis de 10 actividades paralelas. Con especial aposta pola programación galega, presenta tamén compañías destacadas do ámbito estatal (Cris Blanco, Societat Doctor Alonso, Los Torreznos, Mal Pelo ou La Phármaco, entre outras) e a presenza internacional de Portugal (Circolando, Patrícia Portela), Italia (Parini Secondo) e Brasil (Mari Paula).
A MIT deste ano aposta pola contemporaneidade, a diversidade, as prácticas comunitarias, a mirada feminista e os formatos híbridos
Máis de 40 actividades que abordan cuestións como a memoria histórica e o seu vínculo coas historias íntimas e persoais, a identidade e o cuestionamento das fronteiras, a saúde, a disidencia, a ecoloxía ou o pensamento crítico.
Dende a organización lembran que mantense aberta a venda de entradas individuais, tras pechar con récord de vendas de abonos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.