Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/07/2025 | Actualizada ás 14:50
A Xunta e a Real Academia Galega (RAG) propuxeron cambiar a denominación de 2.532 concellos, parroquias e lugares no Nomenclátor de Galicia --o rexistro oficial dos nomes das poboacións galegas--.
Tal e como adiantou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, previamente á Comisión de Toponimia, a última vez que se fixo unha revisión en profundidade foi no ano 2002, así que "era o momento de que se reunisen coa RAG para avaliar as conclusións derivadas do último traballo" --publicado en 2003--.
Para iso, ambas as institucións estudaron "4.398 topónimos ditaminando a modificación da denominación de 14 concellos, 183 parroquias e 2.335 lugares".
En concreto, ampliou a Xunta nunha nota de prensa, os cambios afectan os concellos da Caniza, A Ribeira de Piquín, Alfoz de Castro de Ouro, Cangas de Morrazo, Cerdedo Cotobade, Mondariz Balneario, O Campo Lameiro, O Castro de Caldelas, O Porto do Son, O Riós, Oza Cesuras e Pastoriza.
Ademais, o conselleiro precisou que o traballo feito pola Comisión permitiu incorporar 1.655 novos nomes con respecto ao último documento, alcanzando así un total de 42.909 rexistros.
Neste contexto, o presidente da Rag, Henrique Monteagudo, engadiu que "historicamente houbo moitos problemas de deterioración, de usurpación deses nomes de lugar". Por tanto, "hai moitas dúbidas á hora de decidir exactamente cal é a forma correcta de moitos topónimos".
"En moitos casos son problemas de artigo, porque en galego se ten a tendencia a pór o artigo do topónimo, como a Coruña", e ás veces "non se distingue ben". Así mesmo explicou que tamén ocorre con "Ríos ou O Ríos".
Con todo, o titular de Cultura anunciou que están a traballar en novos proxectos coa RAG para avanzar na toponimia e na talasonimia, especialmente agora que "Galicia ten as competencias en materia de litoral".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.