G. Caballero pide á Xunta un plan de axudas para a hostalaría e o BNG medidas sanitarias e económicas

O PP acusa aos partidos da oposición en Galicia de tentar buscar un "ambiente político bronco" .

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/04/2020 | Actualizada ás 15:35

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, demandou á Xunta un plan de acompañamento á hostalaría que inclúa liquidez e axudas directas enfocadas a evitar peches de negocios e ao mantemento do emprego.  Tamén o BNG presentou este xoves unha batería de iniciativas parlamentarias co obxectivo de reactivar a Cámara en temas como a educación, a distribución de máscaras e a violencia machista.

"Sectores como a hostalaría ven especialmente afectados pola crise da COVID-19, porque a súa actividade está paralizada e porque son conscientes de que no futuro será distinta", asegurou nun comunicado remitido aos medios, no que sinala que "hai miles de familias que viven deste sector".

Precisamente por iso, Gonzalo Caballero chamou a atención sobre que a Xunta ten que complementar as medidas postas en marcha polo Goberno de España, que xa dispuxo axudas para pequenas e medianas empresas, aos traballadores e aos autónomos, e facer desde Galicia un plan de acción para a hostalaría galega. "Hai que acompañar á hostalaría galega nesta travesía de dificultade", remarcou o máximo dirixente do PSdeG, que subliñou que a Xunta ten "orzamentos e competencias" para facelo.

BNG

Ana Pontón e Gonzalo Caballero
Ana Pontón e Gonzalo Caballero | Fonte: ED

Pola súa banda, o BNG presentou este xoves unha batería de iniciativas parlamentarias cun "dobre obxectivo", segundo explica a deputada Montse Prado. "Sumar e colaborar con propostas para paliar as consecuencias da pandemia, tanto no sanitario, como no económico; e reactivar un parlamento que apenas ten actividade a pesar de que Galicia afronta unha crise sen precedentes", apuntou.

Prado indicou que se trata de "saír da anomalía democrática de ter un Parlamento a medio gas polo rodete do PP" e, doutra banda, "achegar ideas, propostas e medidas para axudar a saír da crise, tanto no sanitario como no económico". Neste sentido, volveu a "mostrar a súa vontade de colaborar" co Goberno galego, como se fixo "desde o primeiro momento, ante esta situación excepcional que ten consecuencias moi graves para miles de familias e para o conxunto do país".

PPdG

Pola contra, o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, acusou aos partidos da oposición en Galicia de tentar buscar un "ambiente político bronco" e chamounos a traballar desde a "unidade", a "responsabilidade" e a "lealdade".

Nunha rolda de prensa telemática ofrecida este xoves, Tellado considerou que no debate da deputación permanente celebrado no Parlamento de Galicia a oposición "deixou claro" o seu "interese" en crear un "ambiente político bronco" que, na súa opinión, "ninguén desexa na sociedade galega".

"Deixaron bastante claro que non teñen nin unha soa idea, nin unha soa proposta para ofrecerlle ao Goberno galego para complementar a acción fronte á pandemia", manifestou Tellado nunha rolda de prensa na que tamén sostivo que a oposición "non ten ningún problema en mentir" ou en "utilizar informacións non veraces" para tentar desgastar á Xunta e ao PP.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta