Unha exdeputada de En Marea pide que se restitúa a X Lexislatura para "reparar a irregularidade desta situación"

Paula Vázquez Verao pide restituír tamén a súa condición de parlamentaria, pero sen soldo. "É unha fraude democrática á cidadanía a privación da súa institución representativa por tan amplo período de tempo", indica.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/04/2020 | Actualizada ás 19:21

Comparte esta noticia

A exdeputada de En Marea Paula Vázquez Verao dirixiu un escrito á Mesa do Parlamento no que advirte de que é "unha irregularidade absoluta" a "suspensión" das funcións plenas do Parlamento de Galicia e dos dereitos dos deputados elixidos en 2016 despois de que as eleccións autonómicas fosen suspendidas, tras ser convocadas para o pasado 5 de abril e que non se celebrasen pola crise sanitaria do coronavirus.

Neste sentido, nun extenso escrito no que apela aos argumentos xurídicos que avalaron a suspensión das eleccións e que agora dotan de funcións á Deputación Permanente da Cámara, Paula Vázquez Verao, que non forma parte da Cámara desde a súa disolución, insta á mesa a "restituír plenamente" o hemiciclo autonómico para "reparar a irregularidade desta situación", xa que "non se trata dunha suspensión temporal do proceso, senón que habería que proceder a unha nova convocatoria" por parte do presidente.

No escrito dirixido á Cámara, a deputada lembra o informe dos servizos xurídicos, no que se sinala que "a deputación permanente non pode asumir as funcións do parlamento sen parlamento", aínda que neste período se van admitir determinadas iniciativas, porque pola contra se contravería a súa función constitucional e propia, que é segundo sentenza do Tribunal Constitucional, "foro de debate e participación na cousa pública e alicerce do réxime democrático e parlamentario vixente".

Por iso, para a deputada, a anulación do proceso electoral debería supor "a anulación" da previa disolución do Parlamento, emitida no mesmo decreto de convocatoria de novas eleccións polo presidente e, por tanto, a restitución plena da Cámara.

"É unha fraude democrática á cidadanía a privación da súa institución representativa por tan amplo período de tempo, nun contexto, ademais en que os medios públicos galegos tampouco están sometidos ao control parlamentario", sinala a exdiputada, que pide poder presentar iniciativas, aínda que dadas as circunstancias de crise sanitaria, precisa que non se restitúan as asignacións económicas.

Vázquez Verao lembra, ademais, que o Goberno "foi restituído" por parte do presidente da Xunta, no Consello celebrado o 20 de marzo, ao recuperar os altos cargos aos que cesara para que acudisen nas listas electorais. "Asumindo nese feito que será necesaria unha nova convocatoria electoral e, por tanto, que non se está ante unha suspensión temporal senón ante unha anulación da convocatoria feita no seu día", incidiu.

Así, reclama á Mesa que se restitúa a Cámara galega ante a nova convocatoria electoral, que se adecue a actividade á actual crise sanitaria --coas ferramentas telemáticas precisas e as delegacións de voto pertinentes-- e "non se restitúa" a asignación económica dos deputados. Na parte individual, a exdeputada de En Marea por Lugo pide que lle sexa restaurada a súa capacidade de presentar iniciativas e todos os dereitos dos artigos 8 e 9 do Regulamento da Cámara.

Paula Vázquez Verao, deputada de En Marea, en rolda de prensa. EUROPA PRESS - Arquivo
Paula Vázquez Verao, deputada de En Marea, en rolda de prensa. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Próculo

Tes razón, pero non é un pouco tarde?