Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/04/2020 | Actualizada ás 18:59
O Goberno galego distribuíu un total de 99.727 unidades de material de protección --que inclúe máscaras, luvas, EPIs e pantallas-- en diferentes comarcas e provincias galegas ao longo desta semana.
Así o anunciou a Xunta en varios comunicados nos que especifica as cantidades distribuídas en cada comarca. Todo o material se transfire aos concellos e os seus principais consumidores son as persoas do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), servizos básicos de Protección Civil, Policía Local ou os usuarios e traballadores do transporte público.
En concreto, os concellos da comarca da Coruña recibiron esta semana un lote de 22.830 unidades de protección que inclúe 9.400 máscaras, 12.970 luvas, 350 traxes antisalpicaduras e 110 pantallas faciais.
Pola súa banda, os municipios da comarca de Santiago obtiveron durante esta semana 7.250 máscaras, 9.920 luvas, 323 traxes antisalpicaduras e 130 pantallas faciais. Unha cifra menor é a que chegou ás localidades de Ferrolterra, un total de 12.748 produtos (5.300 máscaras, 7.100 luvas, 246 traxes antisalpicaduras e 102 pantallas faciais).
Ademais, a comarca de Bergantiños-Costa da Morte recibiu 9.398 unidades destes produtos: 3.850 máscaras, 5.280 luvas, 189 traxes antisalpicaduras e 79 pantallas faciais. Pola súa banda, a do Barbanza conta cun lote de 6.014 unidades (2.600 máscaras, 3.300 luvas, 72 traxes antisalpicaduras e 52 pantallas faciais).
PROVINCIA DE OURENSE
En canto á provincia de Ourense, o Sergas especificou que esta semana entregou aos concellos de toda provincia un total de 31.114 undidades de material de protección. Delas, 14.660 eran luvas, 15.800 máscaras, 300 traxes, 177 pantallas faciais e outras tantas batas.
Ademais, nesta rexión tamén se distribuíron 130 botes de 500 ml de xel hidroalcólico e 43 garrafas de 5 litros de desinfectante. O mesmo tipo de desinfectante tamén acompañou o resto de lotes repartidos no resto de comarcas.
A cantidade que recibe cada unha destas demarcacións vén determinada polos criterios consensuados pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), que atenden á poboación, número de casos positivos, efectivos de Policía, voluntarios de Protección Civil e número de horas do Servizo de Axuda no Fogar.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.