Alba, sanitaria: "A miña nena aínda non puido saír porque estamos toda a familia en corentena"

Alba Pintor contaxiouse de coronavirus, posiblemente, no hospital no que traballaba como auxiliar. No piso no que agora están confinados, a súa avoa, de 90 anos, tamén deu positivo no test; e a súa parella e a súa nena, que sofre unha enfermidade rara que se agravou polo feito de non saír á rúa, gardan igualmente corentena a pesar de que non se lles fixo proba confirmatoria.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/05/2020 | Actualizada ás 13:56

Comparte esta noticia

Un piso, catro persoas e dous positivos confirmados da Covid-19. "É unha situación complicada de levar", recoñece Alba Pintor, que traballaba como auxiliar nun hospital ata hai quince días, cando lle fixeron o test de coronavirus, deu positivo e tivo que illarse na casa. Ela é unha das máis de 1.200 sanitarias do Sergas en toda a autonomía que se contaxiaron desta enfermidade. En ningún momento manifestou síntomas e foi só cando toda a súa unidade se someteu ás probas cando descubriu que estaba infectada.

Julia, a nena de Alba Pintor
Julia, a nena de Alba Pintor | Fonte: remitida

EN CORENTENA TODOS OS MEMBROS DA FAMILIA

"Quen sabe onde o pillei?, puido ser no supermercado, pero hai un 80% de posibilidades de que me contaxiara no hospital", indica Alba. Logo de facerlle fronte ao coronavirus en primeira liña como sanitaria, agora a loita prosegue na casa. A canda ela vive a súa parella, a súa avoa de 90 anos, recén operada da cadeira, e a súa cativa de case dous anos, que sofre unha enfermidade rara na pel. "Á avoa, por ser persoa de risco, tamén lle fixeron o test e tamén deu postivo, pero está asintomática. Forma parte dese 10% de casos nos que isto sae ben", prosegue a auxiliar de enfermeira.

Á súa parella e á súa filla, se ben "é moi posible que tamén estean contaxiadas", non lles fixeron a proba por non manifestar síntomas. "Din que non se poden gastar os test ao tolo...", fala con ironía. Aínda así, a súa parella tamén tivo que deixar de traballar para gardar a corentena durante 15 días. Xestionar unha situación así nun mesmo piso faise difícil. "Nunha habitación estou eu, noutra está a miña avoa, e o resto nos demais lugares da casa. Saímos aos espazos comúns con máscara porque se non é imposible". A súa nena, Julia, ten unha enfermidade rara - Ictiose Lamelar - que esixe atención continuada por parte dos seus pais, máis aínda se cabe, durante este confinamento no que se lle agravaron os síntomas.

A ENFERMIDADE DA NENA VESE AGRAVADA POLO CONFINAMENTO

A Ictiose Lamelar, a mais severa, é un trastorno herdado polo que as células da pel se acumulan en escamas na súa superficie. De feito, coñécese tamén como "pel de peixe". En todo o Estado hai moi poucos casos desta enfermidade e na provincia da Coruña tan só tratan a esta cativa. "Ten un picor continuo e se se rasca sáenlle eccemas", relata a súa nai, que comenta que o bo de Galicia é o ambiente húmido que se mantén durante case todo o ano. Por iso mesmo, neste contexto de encerro no que Julia se atopa nun espazo máis seco dentro da casa, os síntomas intensificáronselle. "Moitas veces dálle o picor forte e teño que suxeitarlle as mans si ou si porque se non desfaise", conta Alba.

Nestes días ten a pel máis seca e o resto dos síntomas, en consecuencia, aumentan. "Agora facemos as consultas médicas por teléfono. Ao principio non quería levala presencialmente para non pillarmos nada, e agora non a poido levar porque temos que estar todos nós metidos na casa", fala a nai, que tamén denuncia que as cremas con corticoide que precisa a súa filla "non entran na seguridade social". "Hai que pagalas porque están recoñecidas como cosméticos e non como tratamento".

Se de por si é unha enfermidade difícil de controlar, neste contexto, aínda máis. "A típica perrencha que un neno colle cando non lle das un caramelo, ela cóllea cando non deixas que se rasque; ten dous anos e non entende que non pode facelo porque se crea feridas". Dende que comezou o confinamento, Alba nótaa máis "irascible", pero debido á situación na que agora se atopan todos os membros da familia, Julia segue sen poder saír á rúa. "Ela máis ca ningún neno o necesita, non por saír xogar, nin polo agobio de estar encerrada", senón para que a súa enfermidade volva a un estado de maior normalidade.

DESEXANDO A VOLTA Á RÚA

Alba espera con ansia o negativo do seu segundo test, que llo realizan para asegurarse de que poida ircorporarse ao traballo con garantías. Pola contra, á súa avoa "dána por negativa aos 15 días sen repetirlle a proba, porque non hai test suficientes e porque é asintomática". "É algo que non entendo; ela non vai saír, pero é un risco que se corre, porque nin ela, nin o meu home e nin a nena sairán seguros ao 100%". 

De todas as maneira, soñan con ese día no que poidan volver pisar a rúa. Neste sentido, Alba fai un alegato á responsabilidade de toda a sociedade para non volver atrás. "Enfádaste e sentes impotencia cando ves que non se cumpren as normas. Non queremos pagar xustos por pecadores".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Ana García

TCE, TECNICO EN COIDADOS DE ENFERMARÍA, e sí berro por que xa e de coña. Os enfermeir@s non son ATS pois nos non somos auxiliares. Ata as orellas de repetilo

1 Gamela

Os protocolos do SERGAS son protocolos de morte! Sabémolo dende hai anos e non aprendemos! Que é iso de que non hai test... que fagan PCRs que para iso teñen un robot no Meixoeiro de Vigo e en tódolos centros de análises clínicas de Galicia ! Pero seguiremos presos para maior gloria dun mentiroso compulsivo coa axuda dos partidos medosos que votan a favor do medo ! https://twitter.com/00Gamela/status... Estannos a tomar o pelo a todos !!! Dos 114 días que leva este goberno no poder, xa pasaron 54 días baixo Estado de Excepción ! Pero din que non hai test...???