Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/05/2020 | Actualizada ás 13:44
A Consellería de Medio Ambiente repartiu 18.000 quilos de penso aos 13 centros autorizados para a recollida de animais abandonados da comunidade xestionados por entidades protectoras.
Así o trasladou a conselleira, Ángeles Vázquez, a representantes da Asociación Protectora de Animais e plantas de Lugo, do Centro de recollida de animais abandonados de Verín, da Asociación Protectora de Animais e plantas de Vigo, e do Centro de recollida APADAN, cos que mantivo unha reunión por videoconferencia.
No encontro, detallou que, en total, foron case 1.500 sacos de alimento os que se distribuíron para atender as necesidades de case 2.300 animais (cans e gatos) de máis dunha decena de centros de acollida de animais en Galicia.
No seu momento, a Xunta contratou "con carácter urxente" a "subministración inmediata" de alimentos para distribuír entre todas as asociacións de protección e defensa dos animais debidamente rexistradas e que xestionasen un refuxio autorizado, co obxectivo de paliar as consecuencias da crise da COVID-19.
A situación de confinamento, lembrou a Xunta, limitou a capacidade de ingresos destas entidades, xa que unha porcentaxe importante proceden da realización de eventos e actividades incompatibles coas medidas do estado de alarma. Ademais, incrementáronse e, indirectamente, tamén os custos de alimentación, ao non rexistrarse adopcións.
A distribución deste penso realizouse de maneira proporcional, é dicir, en función do número de ingresados en cada unha das instalacións, e de acordo cos datos que consten nos libros de rexistro oficial e coa declaración responsable achegada polos seus responsables.
NÚCLEOS ZOOLÓXICOS
Nestes momentos hai inscritos no Rexistro Galego de Núcleos Zoolóxicos un total de 31 centros de recollida de animais abandonados: 12 na provincia da Coruña, nove en Pontevedra, seis en Ourense e catro en Lugo.
Oito destes centros están dirixidos por entidades locais e, por tanto, os seus gastos de funcionamento están incluídos nos orzamentos anuais municipais. Outros oito centros son de xestión empresarial, de tal maneira que o seu financiamento depende dos servizos prestados a diferentes entidades municipais ou aos propietarios dos animais aos que atenden.
As instalacións restantes están xestionadas por entidades de protección e defensa dos animais, que contan con fontes de ingreso máis variables e limitadas, como as axudas e achegas realizadas polos servizos prestados a concellos, as doazóns de particulares, as achegas dos seus socios e, en gran medida, os ingresos recadados durante a realización de eventos e actividades propias, como feiras.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.