A creación de empresas afúndese un 75% en abril en Galicia

O pasado mes só se constituíron 96 sociedades mercantís.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/05/2020 | Actualizada ás 11:21

Comparte esta noticia

Galicia rexistrou a constitución de 96 sociedades mercantís en abril, o que supón un afundimento do 75% respecto das 388 do mesmo mes de 2019, segundo os datos que publica este mércores o Instituto Galego de Estatística (IGE).

Do total, 95 empresas adoptaron a forma de sociedade limitada, mentres só unha foi doutro tipo. O capital medio subscrito por cada sociedade foi de máis de 235.000 euros. Por provincias, a maior parte das 96 empresas creouse en abril na Coruña (41), seguida de Pontevedra (27), Lugo (18) e Ourense (10).

O 25% das empresas creadas en abril pertencen á rama do comercio, seguida da construción (13,5%), actividades inmobiliarias e financeiras (10,4%) e hostalaría e actividades profesionais (9,4%). A presenza do sexo masculino segue sendo maioritaria como en meses precedentes: 109 socios (o 79,56% do total fronte ás 28 socias (20,44%). Case o 69% constituíronse por un só socio e 17,7% por dous.

MENOS DISOLUCIÓNS

Por outra banda, ampliaron capital por 5,6 millóns de euros un total de 26 empresas, o que supón un esborralle interanual do 88,8% no número de compañías.

Tamén hai unha caída acusada das disolucións, xa que só houbo 28 no cuarto mes, o que supón 146 menos que hai un ano. Este mes non houbo ningunha fusión nin escisión, mentres catro empresas reduciron capital. O mes de abril pechou con catro sociedades afectadas por concurso de acredores, un descenso significativo respecto das 18 que había un ano antes.

Traballadores autónomos
Traballadores autónomos

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta