Certames galegos de cinema mostran a súa "indignación" por non seren incluídos nas axudas para a cultura

Pola súa banda, a Consellería de Cultura precisou este mércores que o plan de reactivación do sector cultural e turístico inclúe medidas de apoio para os festivais de cinema, cunha convocatoria de axudas dotada con case 200.000 euros.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/05/2020 | Actualizada ás 19:41

Comparte esta noticia

A Coordinadora Galega de Festivais de Cinema de Galicia, 'Proxecta', que agrupa a 16 certames cinematográficos do catro provincias, recibiu este martes "con indignación" o plan de reactivación da cultura preparado pola Xunta con motivo da crise xerada pola COVID-19 e no que, denuncian, non foron incluídos.

Despois de "varias semanas de conversacións" coa consellería, apuntan nun comunicado, o director da Agadic, Jacobo Sutil, "comprometeuse con Proxecta" a un "plan global de apoio específico de axuda aos festivais", dotado con 100.000 euros, que se achegarían a través do programa Xacobeo 2021.

No primeiro semestre do ano, lembran, tiveron que ser aprazados ata cinco festivais. Certames como a MICE (Mostra Internacional de Cinema Etnográfico) de Santiago de Compostela, o Carballo Interplay, o Play-Doc de Tui, Festival de Cans (O Porriño) e (S8) Festival de Cinema Periférico (A Coruña), víronse obrigados a trasladar as datas de celebración a partir de setembro, e "atravesan unha difícil situación", constata a coordinadora.

O Plan de Reactivación da Cultura Galega difundido pola Xunta, argumenta Proxecta, é un documento de 71 páxinas "de supostas propostas", no que "só hai dúas liñas escritas con referencia aos festivais de cinema, o cal é un indicador claro da escasa consideración que desde a Consellería de Cultura préstase aos festivais de cinema", lamentan.

A maiores, denuncian, "os festivais de cinema viven na incerteza mentres esperan tamén pola resolución da liña de axudas a festivais de cinema e audiovisual" correspondentes a 2020, cuxo proceso administrativo "tivo que ser paralizado por mor da crise da COVID-19. Trátase dunha dotación global de 190.000 euros que deberá repartirse entre os máis de 20 certames que se presentan a esta concorrencia competitiva, a través dun baremo de puntos.

Festival de Cans
Festival de Cans | Fonte: Miguel Núñez.

RESPOSTA DA CONSELLERÍA DE CULTURA

A Consellería de Cultura precisou este mércores que o plan de reactivación do sector cultural e turístico inclúe medidas de apoio para os festivais de cinema, cunha convocatoria de axudas dotada con case 200.000 euros, un 12% máis que o ano pasado.

Segundo explicaron a Europa Press fontes de Cultura, coa intención de apoiar a este sector, tamén se incrementou a intensidade do importe da axuda ata un 80%, fronte ao 60% que se manexaba anteriormente, o que facilita que os festivais "poidan xustificar unha gran parte dos seus gastos". Do mesmo xeito, tamén se flexibiliza o apoio da Xunta a estes certames, abrindo a posibilidade de que se celebren edicións en liña ou se reprogramen as citas ata o 30 de novembro.

Así respondeu o departamento cultural da Xunta ás críticas realizadas pola coordinadora de festivais de cinema Proxecta, que asegurou que non se incluía ningunha partida para este tipo de citas no plan de reactivación cultural.

Ademais das axudas económicas xa activadas, Cultura trasladou ao sector que, no caso de que os festivais poidan celebrarse finalmente de modo presencial, se as condicións sanitarias así o permiten, estudaríase a posibilidade de que poidan optar a unha subvención a través do patrocinio do Xacobeo 21.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta