“O número de animais varados na costa galega caeu un 30 % en abril, pero coa desescalada esperamos que aparezan máis”

Alfredo López, biólogo da Coordinadora para o Estudo de Mamíferos Mariños (CEMMA), explica nesta entrevista a situación dos varamentos en Galicia e a incerteza na que traballan desde que entrou en vigor o estado de alarma pola crise do coronavirus.

Por Alberto Quian | Madrid | 12/05/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A CEMMA –encargada da xestión da Rede de Varamentos de Galicia, co apoio da Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia mediante convenio– estima que a mellora do tempo no mar e a diminución da intensidade pesqueira reduciu o número de animais varados na costa galega en abril, en pleno estado de alarma. Con todo, espera un aumento de avisos coa desescalada iniciada tras case dous meses de confinamento pola crise da Covid-19.

Balea varada en Muxía
Balea varada en Muxía | Fonte: CEMMA.

Alfredo López –biólogo e portavoz desta ONG– tamén comenta a “incerteza” na que traballan, con proxectos de investigación paralizados e sen saber aínda como e cando poderán volver ao mar.

Sobre a recolonización das especies polo confinamento humano, cre que no mar non está acontecendo o mesmo que en terra, e cuestiona as recentes informacións aparecidas nalgúns medios sobre a posible presenza dunha balea xibardo na ría de Arousa, sobre a que, di, “non hai ningunha evidencia”.

Como afectou ao traballo da CEMMA o estado de alarma?

Cando empezou o estado de alarma, tiñamos un lobo mariño en recuperación na nosa UCI e estabamos xestionando a liberación de tres procedentes do Centro de Rehabilitación de Animais Mariños de Aveiro, en Portugal. Os primeiros días o que fixemos foi marcar eses animais e embarcalos para liberalos no Gran Sol. O último chegounos o día antes de pecharse a fronteira con Portugal, pero alí manteñen outro exemplar que se recuperou durante o mes de abril e xa non o puideron traer aquí para ser trasladado e liberado; agora estamos xestionando isto para poder embarcalo.

Durante este tempo tamén estivemos asistindo, como de costume, os animais varados na costa galega, coa autorización da Xunta e coordinados coas policías locais de cada lugar para que non houbese problemas de ningún tipo.

Outros traballos, como as campañas mariñas, tivéronse que anular e están pendentes de se se poden recuperar ou non, así que aproveitamos este tempo para facer outros traballos de oficina, desde casa, como reordenación de bases de datos, recuperación de publicacións que tiñamos pendentes de rematar...

"Estamos atopando animais que xa levan tempo varados nas praias e non foron detectados no momento. E esperamos atopar máis coa desescalada e a volta da xente ás praias" 

En tempos de confinamento humano, notaron unha caída do número de varamentos de animais?

Durante o mes de abril, o número de varamentos descendeu un 30 por cento respecto ao do mesmo mes do ano pasado, aínda que pensamos que isto se debe precisamente a que a xente está confinada e recibimos menos avisos. Agora estamos atopando animais que xa levan tempo varados nas praias e non foron detectados no momento. E esperamos atopar máis agora, coa desescalada e a volta da xente ás praias. Entre os avisos que xa recibimos atopamos unha tartaruga varada viva, que nestes momentos estamos atendendo na unidade de coidados intensivos.

Entón, temen un importante incremento de avisos de animais varados na costa galega nos próximos días ou semanas?

Pensamos que se van incrementar un pouco. Por un lado, durante este tempo seguiuse pescando, aínda que non con tanta intensidade, xa que descendeu a comercialización e aumentou a limitación de descargas. E algúns dos animais que aparecen varados teñen relación coa actividade pesqueira, xa que é sabido que a maior parte dos animais varados morren por capturas accidentais. Sabemos que esa mortalidade se seguiu producindo neste tempo, e tamén a que se relaciona con causas naturais. Entón, sospeitamos que haberá lugares da costa onde aínda non chegou ninguén con animais varados que aínda non foron localizados. E seguramente atoparemos exemplares que levan mortos na nosa costa quince días ou máis. Pero non agardamos un incremento excesivo, xa que non houbo grandes temporais nestes dous últimos meses, que son unha causa do aumento de varamentos ao arrastrar á costa animais mortos.

Tentaremos ver cales dos animais que vaiamos atopando agora poden ser varamentos do mes de abril, para ver se variou o número ou se se mantén a media de anos anteriores. En todo caso, consideramos que, cos datos actuais, un descenso dun 30 por cento respecto á media non é unha gran diminución.

"Se nos esixen facer tests, diminuír o número de tripulantes, manter a distancia, etc., todo iso fai que o proxecto se converta en irrealizable"

Que tendencia acostuma haber nesta época do ano?

Os varamentos acostuman descender cara ao verán, aínda que nos últimos anos houbo certas variacións. Hai dez ou quince anos, o maior número de varamentos producíase entre os meses de febreiro e marzo, pero esa situación adiantouse a xaneiro-febreiro e logo van descendendo até o verán. Agora estamos nesa situación de descenso, aínda que cada ano a tendencia pode variar un pouco en función por exemplo dos temporais.

Respecto ás campañas mariñas, como está a afectar esta crise sanitaria e o estado de alarma esta actividade?

A última que fixemos foi en setembro do ano pasado; desde aquela non volvemos facer ningunha. Estamos preparando as campañas participativas, nas que convidamos a xente a participar na investigación mariña. E tamén tiñamos unha campaña específica de varios días do proxecto ‘Virada’, pero de momento está todo parado e coa incerteza de se poderemos continuar ou non.

[‘Virada: bases para a reducción da mortalidade por captura accidental en artes de pesca da toniña (phocoena phocoena) e o arroaz (tursiops truncatus) en áreas Rede Natura 2000 de Galicia’ é un proxecto de investigación da CEMMA que pretende sentar as bases para reducir o volume de capturas accidentais, coa participación da Organización de Productores de Pesca Fresca do Porto de Vigo e a colaboración da Fundación Biodiversidad, do Ministerio para a Transición Ecolóxica, a través do Programa Pleamar, cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca].

Por que esa incerteza?

Fundamentalmente, nestes momentos, polas restricións de funcionamento. Sabemos que hai unha serie de recomendacións que hai que seguir para poder realizar unha serie de actividades, e un barco é un sitio moi pequeno, máis se hai que convivir nel nunha campaña de varios días. Se nos esixen facer tests, diminuír o número de tripulantes, manter a distancia, etc., loxicamente todo iso fai que o proxecto se converta en irrealizable por non poder abordarse económica e fisicamente a campaña. É complicado, a verdade. Estamos vendo se podemos recuperar durante o que queda de ano o resto das campañas, pero teremos que ir vendo como van evolucionando as fases e cales son as circunstancias polas cales se pode saír en barco.

"Hai risco de non poder continuar coas actividades. E se non hai apoio económico, non se vai poder seguir"

Preséntase un futuro a curto prazo complicado...

Sí. Preséntase con moita incerteza e mesmo co risco de non poder continuar coas actividades. E se non hai apoio económico, non se vai poder seguir. De momento estamos mantendo toda a actividade relacionada cos varamentos e xa iremos vendo que podemos facer co resto de actividades.

Agora que entramos nun período de fases de desescalada, recibiu a CEMMA información detallada de como lles vai afectar cada fase e cando poderían traballar a pleno rendemento ou dun xeito máis ou menos normal?

Nós estamos lendo todos os detalles de cada fase ou situación nova para ver que podemos facer. Agora temos persoas contratadas en ERTE, proxectos paralizados... Polo que estamos analizando semanalmente toda a información que sae e vendo que pasos podemos dar. De momento hai incerteza, porque non só afecta aos noso persoal e medios, tamén temos que ver como afecta cada fase aos medios de traballo que non dependen de nós.

Saben, por exemplo, que capacidade máxima de tripulación se lles permitiría nos barcos?

Eses detalles non os sabemos aínda. Parte da nosa labor é embarcarnos e traballar cos pescadores, e eles saben o que poden levar abordo ou non. Pero, entra o observador científico dentro deses criterios? Iso é o que temos que ir vendo para saber até onde podemos chegar.

Houbo neste tempo contactos coa Xunta?

Comunicación hai a miúdo, o que pasa é que desde a Xunta non nos deron instrucións de que facer ou non facer, simplemente nos dixeron “queden en casa”. O que pasa é que nós non somos funcionarios, o que temos é un convenio coa Xunta e, polo tanto, o que nos digan é unha recomendación e nós temos que tentar seguir os compromisos que temos coa Administración. E analizando o convenio que temos coa Xunta, a situación da legalidade que nos permite o estado de alarma e as distintas normativas que van saíndo, imos encaixando o noso funcionamento nesas circunstancias. Independentemente das instrucións internas da Xunta para os seus traballadores, nós imos dando pasos informándolle do que facemos de acordo á legalidade e coordinados coas distintas autoridades.

Tiveron algún problema á hora de actuar?

Até agora non tivemos ningún problema en ningún sitio.

"Estanse magnificando os avistamentos de arroaces polo confinamento, cando para nós son avistamentos normais e correntes que ocorren en calquera momento"

Teñen algún tipo de salvoconduto para moverse nestas circunstancias?

Á parte do convenio que temos asinado coa Consellería de Medio Ambiente, temos unhas autorizacións para as persoas que estamos nas unidades móbiles que nos autoriza a desprazarnos, recoller, trasladar e tomar mostras de exemplares de especies protexidas. Iso é algo que temos sempre. Agora, nestas circunstancias, ademais fixemos un documento interno asinado pola presidencia da CEMMA que explica precisamente todo isto. E non tivemos ningún problema.

A CEMMA acostuma colaborar con biólogos doutras partes do mundo. Estiveron en contacto con eles ultimamente? Que lles contan sobre esta situación?

Estes días, precisamente, estamos co ‘Foro-CEMMA’, un faladoiro a través de Skype, e estivemos falando por exemplo con Paula Méndez, colaboradora da CEMMA que traballa no Centro Nacional de Mamíferos Mariños de La Rochelle, en Francia. E, máis ou menos, a situación é a mesma: seguen funcionado con servizos de garda, atendendo o que poden, sendo máis selectivos... E en Portugal, o mesmo. Todo é máis complicado, porque ao mellor só pode ir unha persoa a un varamento, non podes coller todas as mostras necesarias ou pesar os animais... Pero polo menos estase mantendo o rexistro dos varamentos e recollendo a información mínima necesaria, o cal nestes momentos xa é bastante.

Nas últimas semanas vimos unha recolonización da fauna terrestre en moitas vilas e cidades polo confinamento humano. Acontece algo similar no mar?

Non, non nos consta. Saíron noticias de que había arroaces en distintos puntos da costa galega, por exemplo, pero realmente o que está pasando é que a xente, como non ten outra cousa que facer polo confinamento, mira máis polas fiestras, cousa que non facía habitualmente. Está claro que os animais viven agora máis tranquilos, poida que nalgunha situación se acheguen un pouco máis a algunha praia..., pero é habitual atopar arroaces moi preto da costa, en calquera sitio e calquera día. O que está pasando, neste caso en concreto cos cetáceos, é que as persoas se fixan máis e proxecta neles, nesas observacións, anhelos delas mesmas, da propia persoa; é dicir, estás confinado, non podes saír, ves eses arroaces nadando e pensas: “Ai, a liberdade!”. Digamos que se están magnificando eses avistamentos, cando para nós son avistamentos normais e correntes que ocorren en calquera momento.

 "Non me parece ben que se publique en medios unha información tan ambigua como a que se deu sobre unha balea xibardo na ría de Arousa sen ningunha evidencia"

Nos últimos días, varios medios falaron tamén da presenza dunha balea xibardo na ría de Arousa...

Esa información hai que collela con moitas pinzas, xa que non hai documentación de nada. Ao parecer, foi un aviso dunha persoa á que lle pareceu ver unha aleta caudal dunha balea, nada máis. E trasladouse aos medios. Pero informacións como esa temos centos ao ano e non lles damos maior valor se non as podemos comprobar posteriormente. Eu non vou dubidar do que di alguén que viu, pero estamos a falar de xente que xeralmente é inexperta e que probablemente non viu unha balea na súa vida. E non me parece ben que se publique en medios unha información tan ambigua. Está ben que o saibamos os expertos para poder facer seguimento. De feito, nós enviamos a nosa unidade móbil á ría de Arousa o día seguinte para facer seguimento e non comprobamos nada. A ver, imposible non é; temos constatado a presenza de baleas xibardo ou alibranca noutras ocasións, pero unha información tan ambigua coma a deste caso non quere dicir nada.

E pola época do ano, sería posible a súa presenza?

Si. As baleas empezan a verse nesta época. O ano pasado, na campaña marítima de preparación das campañas participativas, saímos en Fisterra e vimos unha balea xibardo ao pé do cabo. Raro ou imposible non é. O que pasa é que neste caso do que se fala, da ría de Arousa, non hai ningunha evidencia. Se unha persoa che dá unha fotografía, aínda que sexa mala, xa tes algo. Pero neste caso a descrición era moi vaga e ambigua. Falaban de que foi vista entre arroaces e talvez mesmo fose un deles...

Desde o punto de vista científico, antes de pasar a información ás bases de datos sempre facemos un filtrado e hai moita información que nos pasan que se queda, por así dicilo, no limbo, porque non hai forma de comprobala. Hai anos, por exemplo, unha persoa dixéranos que vira unha morsa en Porto do Son, pero non houbo xeito de comprobalo, non había ningunha documentación ou proba, só a descrición dunha persoa. E só con iso non podes chegar a ningunha conclusión, menos cando hai en xeral bastante descoñecemento e confusión entre a xente; ás veces fálannos por exemplo de crías de cachalote cando en realidade son golfiños.

Nós, na nosa labor de divulgación, procuramos dar a máxima información á cidadanía para que a xente adquira coñecemento sobre os cetáceos e así poida trasladar cada vez máis información precisa e fiable. Nós promocionamos o que se chama a ciencia cidadá mediante as campañas participativas.

Algunha mensaxe para as administracións e a cidadanía?

Que a situación é difícil e que esperamos que por parte das administracións non se esqueza o tema medioambiental, que hai que seguir atendendo. E en relación aos varamentos, que a xente se fixe un pouco se vai á praia e que nos avise se atopa algún animal. Con este confinamento, a rede de varamentos rompeuse un chisco e temos que poñer de novo en marcha esa dinámica de avisos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta