Por Galicia Confidencial | Vigo | 21/12/2012 | Actualizada ás 18:57
Unión, Progreso e Democracia (UPyD), o partido que lidera Rosa Díez, tamén apoia as protestas dos afectados polas preferentes. Non é o único, todos as formacións parlamentarias, agás o PP, teñen defendido as reivindicacións deste colectivo. E, mentres, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, apuntaba este xoves a que as súas manifestacións e protestas son manipuladas políticamente logo do que aconteceu no Parlamento o pasado mércores.
UPyD amosa o seu apoio á plataforma Vigo Val Miñor, formada por afectados as Participacións Preferentes e Subordinadas, e por iso acudirá á manifestación convocada para o día 22 de decembro. A ela asistirán á mesma o coordinador territorial electo do partido en Galicia, Gonzalo Fernández Piñeiro, e o coordinador local de Vigo, Pedro Larrauri Poboa, xunto con outros afiliados.
"Responsabilidades" políticas
Esta formación insiste nun comunicado que declarou en repetidas ocasións que da crise das preferentes derívanse unhas "responsabilidades moi claras" do Goberno, o Banco de España, a CNMV ou as politizadas caixas de aforros, "que tiveron un primeiro rescate á conta dos clientes aos que colocaron estes produtos".
"A firme decisión desta formación política é esixir, e así o veu facendo até a data, a depuración destas responsabilidades que, xa sexan de tipo penal ou patrimonial, non poden ser eludidas sen máis por moitos cambios que se realicen na denominación, na forma xurídica ou no accionariado das entidades", denuncia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.