Ai Ho! Galego, un novo vídeo de Cholo e Nela para que grandes, pequenos e vellos amemos o galego

"Entre todas e todos falaremos galego", é a mensaxe deste novo vídeo que chega desde Ourense.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 17/05/2020 | Actualizada ás 13:48

Comparte esta noticia

Carlos R. Calvente é orientador na actualidade no CEE Manuel López Navalón e membro do proxecto Convivencia de Educación Inantil Cholo e Nela. Un proxecto autoxestionado pola comunidade educativa que, desde hai 23 anos, traballa co alumnado de educación infantil do oriente ourensán a prol da igualdade, a innovación educativa e o fomento de materiais lúdico-educativos na nosa lingua.

Cholo e Nela
Cholo e Nela

Acaba de presenar o seu último vídeoclip elaborado para amenizar esta fase 1 do descenso do confinamento para a rapazada galega titulado Ai ho! Galego!  co que tamén queren celebrar o Día das nosas Letras e “promover o agarimo e o valor da nosa lingua”.

Cholo e Nela son os personaxes e os referentes desta proposta educativa que perdura no tempo. Referentes sinxelos, un globo e unha pinga de auga do río Sil, teñen sido axentes activos e dinamizadores da transversalidade, a convivencia, a innovación educativa, o deseño de materiais e recursos en galego para a educación infantil e o traballo globalizado da comunidade educativa neste proxecto común, no que a titoría desenvolve un papel importante.

Destes grupos de traballo xurdiu esta formación musical para nenos e nenas que fornece un tema musical para cada edición dos encontros. “O tema musical da edición pasada foi o AI HO! GALEGO Camiño da Fala, como non podía ser doutra maneira, ten unha proposta clara: a aposta polo emprego da nosa lingua na nosa terra. E ao mesmo tempo o agarimo e a vontade de entendemento de calquera outra lingua”, apunta Carlos R. Calvente.

A participación amósase nun vídeo musical, gravado en pleno confinamento, no que participaron distintas persoas, crianzas, rapazada e familias de xeito compartido e colaborativo e que queren trasladar unha mensaxe positiva "Entre todas e todos falaremos galego".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta