Por Galicia Confidencial | Ferrol | 26/12/2012 | Actualizada ás 21:38
"Polo mantemento do emprego en Diario de Ferrol". Este foi o lema que utilizaron os traballadores deste xornal na concentración que mantiveron este xoves diante do concello. A eles sumouse gran número de cidadáns.
O cadro de persoal do Diario de Ferrol vén de denunciar o progresivo desmantelamento que está a sufrir este xornal. Neste medio, “o único que leva o nome da cidade polo mundo adiante”, traballaban hai un ano e medio 31 persoas, ademais do director. A día de hoxe, explican os delegados de persoal, quedan 27 traballadores/as e a intención da empresa é suprimir unha sección -infografía- composta actualmente por tres persoas. Destas, unha será despedida e outras dúas trasladadas ao centro da Coruña, co conseguinte prexuízo económico que iso conlevaría para os afectados.
O argumento que sostén esta decisión, errada a xuízo do cadro de persoal, é a necesidade de centralizar, previa redución, o servizo. “Os traballadores/as deste xornal somos conscientes, pois é o noso día a día, da terríbel situación na que se atopan cada vez máis empresas e cada vez máis persoas. Somos, xa que logo, conscientes das dificultades que atravesa a nosa empresa, froito, nomeadamente, da caída dos ingresos por publicidade en todo o sector”, sinalan nun comunicado.
Pero, subliñan, tamén é certo que nos seus trece anos longos de andaina, os resultados económicos deste xornal foron positivos, en non poucos casos moi positivos, até o pasado 2011. Entón pechouse o exercicio cun pequeno desaxuste. “A empresa esgrime perdas acumuladas de todo o grupo para propor e impor unha serie de recortes e “axustes” baseados unicamente no despedimento ou reubicacación de compañeiros, sen sequera contemplar outras medidas menos traumáticas que poderían, co mesmo esforzo que o persoal vén realizando desde hai tantos anos, aliviar esa carga”. Por exemplo, a decisión de centralizar o servizo de Infografía na Coruña non melloraría a situación económica da empresa de ningún xeito; en troques, si mermaría substancialmente os gastos dos compañeiros/as afectados, que terían que facer fronte, do seu propio peto, a este traslado.
Esa mesma decisión levaría ao xornal a perder autonomía e a proximidade que vén caracterizando a relación directa cos anunciantes desde a fundación mesma de Diario de Ferrol. Na mesma liña, puntualizan que esa decisión tampouco suporía mellorar a difícil situación económica da empresa porque actualmente as novas tecnoloxías e os novos sistemas implantados pola empresa permiten traballar en remoto, non só desde A Coruña, como defende e pretende a empresa, senón tamén, por suposto, desde Ferrol.
Para “atallar este deriva”, os traballadores/as do Diario de Ferrol solicitaron o apoio dos diferentes grupos municipais, pois o xornal “é unha referencia informativa para esta comarca. Ferrolterra está a sufrir un aumento brutal do paro -por riba das 20.000 persoas- que atinxe, por suposto, aos medios de comunicación. O peche da delegación local de Radiotelevisión de Galicia ou de Cadena Dial, ademais de despedimentos noutros medios de comunicación ao longo dos dous últimos anos, ameaza a pluralidade informativa dunha comarca que non se pode permitir o luxo de xerar aínda máis desemprego”, aseveran.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.