"María Solinha", de Ignacio Vilar, para estrear o autocine de Verín

O Concello de Verín vén de pechar un acordo coa produtora Vía Láctea Filmes para acoller a primeira exhibición en autocine desta película o vindeiro 21 de xuño.

Por X.M. Fernández | Verín | 20/05/2020 | Actualizada ás 10:40

Comparte esta noticia

O director do filme, Ignacio Vilar, puxo en valor o compromiso de Verín co cinema e sinalou que “mantendo unha sala de exhibicións pública e os seus enormes espazos de aparcamento no centro fixéronnos pensar nesta vila como lugar óptimo para esta nova tendencia na exhibición cinematográfica: o autocine é o futuro”.

Cartel da película
Cartel da película

No que respecta ao alcalde da vila, Gerardo Seoane, este comentou que tendo como ten Verín uns espazos axeitados para este proxecto "imos facer un experimento para ver se podemos atraer público para unha actividade permitida polos protocolos sanitarios, segura e que serva para dinamizar con seguridade as actividades en Verín”.

A estrea en autocine do filme será o vindeiro 21 de xuño ás 22.00 h., día no que ademais da proxección da longametraxe terá lugar unha gala previa coa presenza dos artistas e director. O lugar escollido será o parking libre central de Verín, con capacidade de ata 300 vehículos e prazas delimitadas para a ocasión. A proxección poderase seguir dende os coches, sen necesidade de contacto físico algún nin de baixarse deles e coa correspondente frecuencia de FM para escoitar a película dende a radio de cada vehículo.

A concelleira de Educación, Cultura e Festexos, Emilia Somoza, manifestou a intencion de involucrar aos hostaleiros no proxecto para que "exploren a posibilidade de servir un `menú autocine´ que se poda consumir nos coches, ou de montar algún tipo de apoio ao evento”.  “Hai que ter en conta que, se o proxecto funciona, pensamos darlle continuidade ao longo do verán, para atraer a público de toda a provincia”, engadiu Somoza.

O FILME, "MARÍA SOLINHA"

A película é a reconstrución da historia de María Solinha, acusada de bruxería e queimada pola Inquisición no século XVII. A protagonista sufre, en pleno século XXI, desacougantes ecos da agresión que sufriu María Solinha no século XVII.

Parking libre central de Verín. Foto: Prensa do Concello de Verín
Parking libre central de Verín. Foto: Prensa do Concello de Verín

O reparto está composto por Laura Míguez, Grial Montes, Santi Prego, Mabel Rivera, Antonio Durán “Morris”, Mela Casal, Alfonso Agra, Melania Cruz e Sheyla Fariña.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta