Feijóo desvincula a súa xestión das eleccións: "Dicir que unha pandemia favorece un goberno é moi cuestionable"

Asegura que as autoridades galegas e vascas están "en contacto" para que os seus protocolos para o día da votación sexan "parecidos".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 24/05/2020 | Actualizada ás 19:11

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, desvinculou este domingo a súa xestión da pandemia da COVID-19 da proximidade das eleccións galegas: "Dicir que unha pandemia favorece a un goberno é moi cuestionable". Así respondeu o tamén líder do PP de Galicia sobre se considera que a convocatoria dos comicios durante a crise do coronavirus pode axudarlle a revalidar a súa maioría absoluta no Parlamento.

O titular do Goberno da Xunta, Alberto Núñez Feijóo,
O titular do Goberno da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, | Fonte: Xunta.

"É un razoamento que supoño que a inmensa maioría de cidadáns de Galicia está a preguntar. O certo e verdade é que os cidadáns de Galicia van votar en liberdade o 12 de xullo", replicou.

Tras asegurar que a pandemia e a Xunta "non teñen ningunha relación directa nin indirecta", defendeu que todo o que fixo como presidente "foi xestionar, no ámbito do mando único (que corresponde ao Goberno central), os servizos sanitarios coa maior dilixencia posible".

Iso si, Feijóo defendeu que se o seu Executivo "non adoptase decisións previas de facer novos hospitais, de ampliar os hospitais existentes, de facer máis centros de saúde, é evidente que a situación sanitaria de Galicia sería moi insatisfactoria".

Neste sentido, valorou que eses investimentos supuxeron "mellorar o tratamento dos pacientes nos hospitais, nos servizos de urxencias e nos centros de saúde".

"COLABORACIÓN" DO ESTADO

Sobre se Pedro Sánchez se referiu durante a videoconferencia á convocatoria do 12 de xullo, que tamén se vivirá en Euskadi, Feijóo dixo que si, despois de que tanto el como o lehendakari, Iñigo Urkullu, lle pedisen que "colaborase" para o desenvolvemento da xornada electoral.

Coa resposta do presidente do Goberno, que ofreceu "toda a colaboración e cooperación" para esa cita coas urnas, Feijóo considera que coincidiu con Urkullu ao quedar "tranquilos con que as eleccións se poidan celebrar de maneira óptima".

Non en balde, volveu reivindicar a data do 12 de xullo como a máis óptima para ir votar fronte ás críticas vertidas pola oposición: "Se no mes de xullo pode haber turismo internacional, liga de fútbol profesional e festas, o lóxico é que poida haber eleccións".

PROTOCOLO DO 12X

En canto ao protocolo que prepara o comité clínico do Servizo Galego de Saúde (Sergas) para implementar durante o propio 12X, ratificou que "non é" algo "que poida aprobar o Goberno da Xunta", senón que "corresponde á Xunta Electoral" dar o visto e prace.

Por iso, descartou que o protocolo vaia ser acordado co resto de formacións políticas galegas, senón que estas poderán formular "alegacións" directamente ante a Xunta Electoral.

Así as cousas, Feijóo desvelou que as autoridades galegas e vascas están "en contacto" co obxectivo de que, xa que ambas as autonomías coinciden de novo na data dos comicios, os seus protocolos sexan "parecidos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta