A Deputación de Pontevedra aproba unha modificación de crédito ante o impacto do coronavirus

Carmela Silva agradece a "altura de miras" do PP.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/05/2020 | Actualizada ás 15:07

Comparte esta noticia

O pleno ordinario da Deputación de Pontevedra celebrado este venres aprobou por unanimidade todos os puntos da orde do día, nunha xornada na que todos os grupos fixeron gala de concordia.

O asunto máis importante tratado no pleno foi un expediente de modificación de crédito, a terceira deste ano. Segundo explicou o deputado responsable da área económica, Carlos López Font, esta modificación ten un apartado de créditos extraordinarios "para facer fronte a actuacións de interese público que non puideron terminarse debido á pandemia".

A medida beneficia os municipios de Bueu, O Grove, Nigrán e Ponte Cesures "por motivos non imputables á debida dilixencia no cumprimento do Plan". Tamén inclúe esta modificación outro apartado de "suplemento de crédito" de 120.000 euros, que se xustifica "pola situación extraordinaria derivada do estado de alarma", como a compra de máscaras e EPI.

"ALTURA DE MIRAS"

A presidenta da Deputación, Carmela Silva agradeceu a "altura de miras" demostrada polos representantes do Partido Popular na administración provincial durante toda esta crise da COVID-19.

O portavoz popular, Jorge Cubela, lembrou que estes acordos foron acordados por todos os grupos políticos no seo do comité de seguimento da COVID-19, que terminará a súa tarefa a próxima semana.

"Este grupo, cando o goberno mostra a súa disposición de pactar, sabe estar aí", destacou Cubela. "Oxalá sexan moitos máis" os acordos, xa que "segue a nosa man tendida", proclamou o portavoz do PP.

Carmela Silva afirmou que cre que "cando as cousas se fan ben e se fan de mutuo acordo hai que ter a capacidade política de facer recoñecementos" e, neste sentido, destacou que algunhas das propostas aprobadas este venres no pleno son iniciativa do PP. "En nome do Goberno, grazas", dixo.

Tamén o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, valorou positivamente este "bo paso" que deu a actual corporación e espera que "se poida consolidar", algo que non vira nos 29 anos que leva representando o BNG na institución provincial pontevedresa. "Estou esperanzado", admitiu.

No pleno deste venres tamén se aprobou a modificación das bases reguladoras do Plan provincial de obras e servizos, coñecido como o Plan Concellos. "É unha modificación de apoio aos concellos da provincia nestes momentos tan difíciles", indicou López Font. Igualmente deuse luz verde a unha minoración das axudas ao amparo do Plan de Reequilibrio e concesión de subvencións para terminar os denominados proxectos singulares.

O pleno celebrouse de modo telemático, arrincou cun minuto de silencio polas vítimas da Covid-19 e non incluíu mocións políticas na orde do día.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA - Arquivo
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta