O Goberno prevé retomar o máis axiña posible o estatuto electrointensivo ante a situación de Alcoa

Montero súmase á petición da ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, de que a empresa reconsidere a súa decisión.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 29/05/2020 | Actualizada ás 19:23

Comparte esta noticia

O Goberno espera recuperar a tramitación do estatuto electrointensivo "o máis axiña posible", unha vez a evolución da pandemia permita destinar os recursos e a capacidade necesaria, sobre todo para solucionar os despedimentos anunciados esta semana por Alcoa en Galicia.

Ministra de Facenda e portavoz do Goberno, María Jesús Montero
Ministra de Facenda e portavoz do Goberno, María Jesús Montero | Fonte: Moncloa.

Así o avanzou a ministra portavoz e de Facenda, María Jesús Montero, tras a reunión do Consello de Ministros extraordinario deste venres, no que admitiu que ao Executivo lle gustaría contar xa co estatuto aprobado.

Con todo, a pesar de que a norma xa estaba "moi avanzada", a chegada da Covid-19 interrompeu a súa tramitación o pasado mes de marzo, aínda que sinalou que o sector xa coñece as premisas sobre as que se está traballando.

Alcoa abriu o xoves un período informal de consultas para o despedimento colectivo dun máximo de 534 empregados da súa planta de aluminio primario de San Cibrao, no municipio de Cervo (Lugo), xustificándoo na súa produción "ineficiente" e situación "insustentable".

Montero manifestou que se trata dunha decisión da empresa que se suma aos axustes que xa viña realizando nos últimos anos —en 2018 anunciou o peche das súas plantas na Coruña e Avilés (Asturias)—, polo que lle pediu que reconsidere esta decisión, en liña coa petición trasladada por parte da ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto.

De feito, a ministra portavoz defendeu que o Goberno esta traballando "de forma moi intensa" para axudar a este tipo de industria, que considera "moi importante" para o país, a través, non só de axudas ao CO2, senón tamén co chamado Plan Reindus e co propio estatuto electrointensivo.

Montero engadiu que o Goberno está "en permanente contacto" co sector industrial, non só tras a decisión anunciada agora pola multinacional estadounidense produtora de aluminio, senón de forma previa e coa situación individual de cada unha das empresas que se viron con problemas.

"Está a traballarse de forma intensa día a día, reiterando o compromiso desde que chegamos ao Goberno na anterior lexislatura e apoiando ao tecido produtivo e o que ten que ver con Galicia", concluíu a ministra.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta