Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/05/2020 | Actualizada ás 10:00
O editor, produtor cultural e ilustrador, Manel Cráneo, vén de lanzar unha campaña de micromecenado para impulsar o libro 'Corona-Bios', unha recompilación de viñetas nas que o propio autor leva traballando dende o comezo do confinamento. Trátase dunha obra "chea de humor e reflexión" que se vai tecendo a modo de memoria gráfica da crise sanitaria da Covid-19.
'Corona-Bios' estará formado por pequenas notas biográficas de persoas anónimas en tempos de pandemia, en formato de humor gráfico. Unha escolma de 150 viñetas das máis de 200 que Manel Cráneo leva feito nestes tres meses de confinamento. "Intentei ollar todo desde lonxe para adquirir unha perspectiva neutra e facer unha fotografía dos diferentes comportamentos humanos durante o estado de alarma", explica. Cada unha das escenas do libro poden provocar "unha gargallada, un sorriso, unha reflexión, unha mirada poética da vida e outras diversas sensacións, pero en ningún caso deixan o lector ou lectora indiferente".
A situación do persoal sanitario, os autónomos, os ERTE, a xestión da morte, o confinamento na infancia e na adolescencia, os problemas de parella, o deporte, a alimentación, a economía, a política... son algúns dos moitos temas que Cráneo decide abordar nas páxinas deste libro, que segundo explica, nace da necesidade de debuxar como "terapia persoal".
CAMPAÑA DE MICROMECENADO
O volume -e outras recompensas, como láminas de edición limitada do autor- pódese adquirir na web da plataforma Verkami. O autor anuncia unha edición en galego e outra en castelán, nun primeiro momento limitada a mecenas, aínda que tamén deixa a porta aberta a aumentar a tiraxe e chegar a todas as librarías se a recadación do micromecenado fose alta. Ademais, segundo explica, no caso de que a campaña recade os 10.000 euros, o libro sumará trinta páxinas máis. Polo de agora, o proxecto está tendo boa acollida e enfronta a fase final do crowdfunding, que rematará nuns poucos días.
Esta é a cuarta vez en que o editor recorre a este sistema de financiamento, mais neste caso faino dunha maneira especial. Logo de tres meses sen actividade, Manel Cráneo quere converter 'Corona-Bios' no proxecto para "salvar o mal momento da crise" e para relanzar o seu selo Demo Editorial no mes de xuño, que recentemente cumpriu os 10 anos de existencia. Nun comezo, Cráneo non pensaba facer desta idea en libro, pero agora enténdeo como "unha oportunidade para conseguir fondos para reactivar Demo".
PARA AS LIBRARÍAS
"Consciente" de que as librarías son estratéxicas para a boa saúde da cultura, a campaña conta con condicións especiais para as librarías. Entre outras vantaxes, un 50 % de desconto para que adquiran paquetes de 10 libros. Trama, Komic, Alita Cómics, Aira das Letras
e Paz foron as primeiras en sumarse a esta iniciativa, e Cráneo agarda que cheguen máis nos días que faltan de campaña.
CREATIVIDADE CONTRA A CRISE
A pesar do complicado momento económico que atravesa todo o sector cultural, Manel considérase optimista e traballa baixo un lema que sempre ten en mente: "Se non teño traballo, invéntoo, porque se un creador non é capaz de inventar o seu propio traballo, non é digno de autodenominarse creativo. Esta profesión é para xente moi perseverante e traballadora", remata por dicir.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.