Empresarios de lecer nocturno piden reabrir os locais e rebaixar as medidas de seguridade

A supervivencia de moitos establecementos, en caso contrario, é "inviable".

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 01/06/2020 | Actualizada ás 19:04

Comparte esta noticia

A Federación Galega de Empresarios de Salas de Festa e Discotecas (Fesdiga) reclamou que se permita a reapertura dos locais de lecer nocturno cun 50% do seu aforamento na fase 3 da desescalada, na que a comunidade podería entrar o vindeiro luns.

Así se pronunciou, nun comunicado, despois de que non se incluíse a apertura de bares de copas e discotecas con restricións de aforamento na orde publicada este sábado no Boletín Oficial do Estado sobre a flexibilización das medidas durante a fase 3 da desescalada. De feito, os acordos do Consello de Ministros do 28 de abril incluían na fase 3 a apertura destes locais con restrición de aforamento.

Ante esta situación, o presidente de Fesdiga, Samuel Pousada, demandou que o aforamento alcance o 100% a partir da fase 4 ou, polo menos, o 75%, xa que "pola contra, moitos establecementos estarán condenados ao peche".

Tamén lembrou que moitos locais decidiran non abrir na fase 3 dado que a restrición dun terzo do aforamento exposta inicialmente "os condenaba" a "non cubrir os custos fixos". De feito, Pousada afirmou que estes últimos supoñen que esta situación leve que "a supervivencia de moitos establecementos sexa inviable".

Do mesmo xeito, o presidente de Fesdiga criticou que non se detallou cando se permitirá a reapertura dos locais de lecer nocturno e en que condicións e considerou que esta situación se solucionará "a base de improvisación e ordes ministeriais".

MEDIDAS DE PREVENCIÓN

Samuel Pousada incidiu así mesmo na necesidade de que as medidas de prevención adoptadas nestes establecementos resulten "razoables". Así, avogou por que se reduza a distancia mínima entre clientes, xa que, segundo afirmou, "resulta inviable" que esta ascenda a dous metros, e propuxo que non sexa obrigatorio o uso de máscara.

"Establecer medidas sanitarias duras e absurdas só xerará dano ao sector", advertiu o presidente de Fesdiga á vez que asegurou que os clientes non acudirán a estes locais se iso leva que deban adoptar medidas que causen que sentan "incómodos".

Nesta liña, o presidente da federación asegurou que, se non se consensúan as medidas de prevención co sector, pecharanse "moitos establecementos", o que causará que se poidan perder "máis dun millón de postos de traballo" na comunidade.

Ante esta situación, a entidade instou ao Goberno central a "dialogar" con España de Noche, a agrupación nacional na que se integran Fesdiga e outras federacións do sector, e mostrouse á súa disposición para abordar o deseño das medidas que se deben adoptar nestes locais.

Mentres, lamentou que o Executivo que preside Pedro Sánchez "mire para outro lado" ante os botellóns celebrados en España e asegurou que este "sería un bo momento para lexislar" respecto diso e prohibilos.

Interior dunha discoteca.
Interior dunha discoteca.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta