Gómez-Reino insta a Feijóo a actuar "con responsabilidade" nestas poucas semanas que quedan antes das eleccións

"Realizaremos unha avaliación económica sobre os usos dos tempos, xornadas e repartición do traballo en Galicia" sinalou o responsabe de Galicia En Común-A Nova Mareas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/06/2020 | Actualizada ás 19:54

Comparte esta noticia

O candidato de Galicia en Común - Anova Mareas á Presidencia da Xunta, Antón Gómez Reino, asegurou que a conciliación da vida familiar e laboral estará no centro das políticas públicas do "futuro Goberno de coalición da Xunta".

Nun comunicado remitido aos medios, Gómez Reino lanzou esta promesa de face ás próximas eleccións autonómicas fronte a un PP que "non adoptou nin unha soa medida en 70 días de confinamento para compaxinar a desescalada cos coidados de nenos, maiores e dependentes.

"Os coidados estarán no centro de todas as accións públicas e lexislativas do futuro Goberno de progreso da Xunta a partir do día 13 de xullo", afirmou para anunciar un plan real e concreto con medidas de conciliación e corresponsabilidade que permita compasar a vida familiar co desempeño laboral.

E é que, segundo indicou, a medida que a desescalada vai avanzado, centos de familias galegas atópanse que teñen que retomar as súas vidas laborais "con enormes dificultades" para compaxinar o coidado dos pequenos e das persoas dependentes".

Por iso, instou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a actuar "con responsabilidade" nestas poucas semanas que quedan e a facer o uso que non fixo das súas competencias con medidas inmediatas para conciliar o traballo cos coidados.

O candidato de Galicia en Común - Anova Mareas sinalou que as dificultades á hora de conciliar trasládanse nunha maior medida ás mulleres e adiantou o que vai ser un dos eixos da proposta programática da coalición en canto a conciliación.

"Realizaremos unha avaliación económica sobre os usos dos tempos, xornadas e repartición do traballo en Galicia, que sirva de base para o deseño de alternativas que permitan racionalizar os horarios laborais e facelos compatibles con outros tempos e dimensións da vida", apuntou.

Gómez Reino apremou a Feijóo a que estableza medidas concretas e protocolos habilitando espazos para desenvolver actividades lúdicas e deportivas con todas as garantías de saúde e seguridade para os nenos este verán, e compromete un plan de corresponsabilidade e unha mesa de diálogo acorde ás recomendacións das autoridades sanitarias.

CIUDADANOS PIDE AXUDAS EN FUNCIÓN DOS INGRESOS

Por outra banda, noutro comunicado remitido aos medios, a portavoz de Ciudadanos en Galicia, Beatriz Pino, asegurou que as axudas da Xunta aos pais polo peche das escolas infantís deberían beneficiar a todas as familias en función dos seus ingresos.

A candidata da formación liberal sinalou que as condicións impostas pola Xunta de Galicia para poder acceder aos apoios á conciliación anunciados a pasada semana son "moi estritas". "Non só deixan fóra a moitas familias que aínda tendo algúns ingresos non poden permitirse o luxo de pagar a un coidador durante as horas que eles están a traballar, senón que poucas cumpren o esixente requisito de non superar os 806 euros de ingresos", indicou.

A dirixente de Ciudadanos considerou que se trata dunha medida "para saír no titulares pero que a nivel práctico resulta insuficiente, discriminatoria e moi afastada da realidade dos fogares galegos".

Ademais, pediu que a Xunta aclare "expresamente" que tipo de criterio vaise a pedir aos autónomos para poder acollerse a esta axuda, dado que os seus ingresos non son por nómina e asegurou que se os 500 euros dos que fala a Administración autonómica para dar ás familias son para contratar a coidadores para os menores sería mellor que os contratase directamente a administración e non os pais.

Ademais, puxo en dúbida a medida de pechar as gardarías. "Moitos pais traballadores non teñen con quen deixar aos seus fillos ou simplemente non cumpren todos os requisitos que marca a Xunta para poder percibir esa axuda", sinalou Pino, que considera que a medida "chega tarde, suscita moitas incógnitas, cheira a electoralismo e é un brinde ao sol".

O portavoz de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, en rolda de prensa.. GALICIA EN COMÚN-ANOVA MAREAS
O portavoz de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, en rolda de prensa.. GALICIA EN COMÚN-ANOVA MAREAS

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Resulta curioso que Tone faga unha entrevista na Voz baixo muro de pago ! Ou é só para os que cobran do Congreso ou a Voz estalle a facer a puñeta ao candidato de Podemos ? De calquera xeito aquí podería responder se quixera facelo ? https://twitter.com/00Gamela/status...