Por Galicia Confidencial | Compostela | 03/06/2020 | Actualizada ás 22:20
O Comité Intercentros da Corporación RTVG esixe unha investigación “seria e independente” para clarexar a posible filtración desde os arquivos da televisión pública galega ao ABC da previa dunha entrevista á Ministra de Igualdade, Irene Montero, na que facía uns comentarios confidenciais sobre as manifestacións do 8M.
Tras apuntar varios medios, entre eles eldiario.es, e a propia ETB, que a única televisión da rede Forta que tiña ese material era a TVG, pide, nun comunicado, que se aclare a posible extracción deas imaxes e se identifiquen ás persoas que puideron participar nesa filtración usando material de titularidade pública “para defender intereses particulares e partidistas”.
ESTRATEXIA POLÍTICA
De feito, considera que esta filtración é “unha estratexia de desgaste político construída a través deste caso polo Partido Popular ás portas dunhas eleccións autonómicas co obxecto de responsabilizar da extensión da pandemia a quen autorizou os actos do 8M, nunhas datas nas que aínda se celebraban todo tipo de eventos masivos de carácter político, deportivo, cultural e social”.
MALAS PRAXES DO ABC
O organismo de representación dos traballadores considera que esta posible filtración “deteriora gravemente a credibilidade dos medios públicos de Galicia” no caso de que non se aclare se ese material, procedente procedente de Euskal Telebista a través do intercambio de información da FORTA, se extraeu dos arquivos da CRTVG para cederllo ao diario ABC. Precisamente, deste medio, o comité critica que se fixo eco do contido dos comentarios da ministra “off de record”, “en contra da praxe xornalística establecida”.
O Comité lembra que o persoal da CRTVG leva anos denunciando e loitando contra a manipulación informativa a través de iniciativas como o blog “eunonmanipulo”, ou realizando actos como os “venres negros ou manifestacións como a do 8 de setembro de 2018.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.