Só se poderá entregar o voto ao carteiro ao recibir a documentación agás no rural, que se mantén "ao paso"

Correos recolle a petición dos sindicatos e os traballadores "non entrarán en ningún caso" nos domicilios particulares.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 09/06/2020 | Actualizada ás 20:18

Comparte esta noticia

A dirección de Correos citou as organizacións sindicais a unha reunión este mércores na que debaterán as instrucións que rexerán o voto por correo para as eleccións do 12 de xullo en Galicia e tamén en Euskadi.

Unha carteira de Correos percorrendo unha rúa
Unha carteira de Correos percorrendo unha rúa | Fonte: EFE

Nelas, defínese como se procederá, por primeira vez de forma xeneralizada para toda a poboación, á recollida do voto nos domicilios dos electores, unha actuación que só se poderá realizar no momento de entregar a documentación. Salvo no rural, en que se mantén a fórmula coñecida como "ao paso", xa que se consideran aos carteiros como oficinas móbiles de admisión.

O borrador de instrucións recolle xa as demandas trasladadas a pasada semana nunha reunión preparatoria dos representantes sindicais coa dirección. Este encontro realizouse despois de que a xunta electoral central acordase que os carteiros poderán recoller os votos nos domicilios nunha resolución do 28 de maio.

Por mor desta resolución, froito dunha consulta formulada por Correos e que coincidía tamén coas demandas da Xunta, os representantes dos traballadores incidiron en que non se debía entrar nos domicilios nin nas residencias de maiores. A xunta electoral considerou que non era preciso habilitar máis medidas extraordinarias para a votación en relación á pandemia por coronavirus á marxe de facilitar que os electores voten desde os seus domicilios.

Neste escenario, a dirección da empresa pública elaborou unhas instrucións, que agora debaterá cos representantes sindicais. Nelas, segundo recolle o borrador, inclúese que o empregado de Correos "deberá expor ao elector, unha vez realizada a entrega (da documentación coas papeletas), que se así o desexa e nese mesmo momento, lle entregue o sobre co voto emitido".

"O empregado de Correos aclarará ao elector que, se non desexa entregar o seu voto nese momento, deberá depositalo nunha oficina de Correos dentro do prazo establecido", engade, a continuación. Isto é, o elector ten só esa opción para evitar ter que desprazarse á oficina de Correos a entregar o voto, un acto que, en todo caso, e unha vez recibida a documentación de forma intransferible, pode realizar outra persoa.

Nestas instrucións, Correos especifica que "o traballador non accederá en ningún caso ao interior do domicilio particular do destinatario/votante".

Tamén apunta que o "repartidor extremará o celo e a dilixencia para manter en todo momento baixo a súa custodia os votos emitidos que recollese, ata a súa entrega na unidade de repartición".

Pero o voto rural rexerase por condicións especiais e, nas propias instrucións de Correos, lémbrase que o persoal "deberá recoller o sobre contendo o voto por correo tanto no mesmo instante de entrega da documentación electoral, como nun momento posterior, sempre que se realice en horarios e puntos adoitados de paso".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Gamela

Pero para solicitar o voto por correo é preciso ir ás ofcinas de Correos ou non ?

1 Sentidiño

A solicitude pode ser telemática, a votación non: https://www.correos.com/gl/sala-pre...