Nanoimplantes artificiais abren a porta a novas ferramentas biomédicas de loita contra o cancro

Unha investigación do CiQUS acaba de ser publicada na revista Cell Reports Physical Science.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 18/06/2020 | Actualizada ás 14:59

Comparte esta noticia

Científicos da USC acaban de fixar un novo concepto baseado no desenvolvemento de tecidos catalíticos. Por primeira vez inseríronse nanoimplantes en modelos de tecidos tumorais, capaces de activar moléculas externas de forma selectiva, durante polo menos unha semana. Esta achega é froito da colaboración entre os equipos dirixidos polo catedrático José Luis  Mascareñas e o investigador Pablo del Pino no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS). 

O cerebro humano
O cerebro humano | Fonte: hipertextual

“Como proba de concepto, neste traballo interdisciplinar propoñemos un novo  nanosistema híbrido formado por un núcleo metálico (paladio) e unha cortiza porosa baseada nunha rede metalo-orgánica (MOF, Metal-Organic Framework), que actúan de forma  sinérxica para transformar compostos químicos de forma selectiva e recorrente no interior de células e tecidos”, explica Pablo del Pino.

Tal e como explica a USC nun comunicado, esta contribución pioneira pretende establecer as bases para a creación dunha nova xeración de nanorreactores que, debido á súa versatilidade e estabilidade, espérase que poidan ofrecer novas oportunidades no ámbito biomédico. “Especificamente, o obxectivo final consiste en realizar nanoimplantes in vivo de sistemas con actividade  catalítica que poidan ser usados como factorías para xerar moléculas bioactivas de forma localizada”, engade o investigador da USC.

Este traballo enmárcase nun proxecto colaborativo do CiQUS, financiado por múltiples axencias europeas, nacionais e autonómicas. A investigación acaba de ser publicada na revista Cell Reports Physical Science.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta