A empresa da que é directiva a irmá de Feijóo facturou da Xunta case 30 millóns desde que el é presidente

Nos catro anos da segunda lexislatura, sendo Micaela Feijóo delegada rexional de Eulen en Galicia, esta empresa facturou 17 millóns a través de contratos con consellerías e fundacións dependentes do Goberno galego.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 18/06/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Eulen, a multinacional da que é directiva Micaela Feijóo, irmá do presidente galego, facturou nos 11 anos que Feijóo leva de presidente en Galicia máis de 29 millóns de euros a través de distintos contratos públicos con consellerías e fundacións do Goberno galego. 

Grupo Eulen
Grupo Eulen | Fonte: eulen.com

A maior parte destes contratos foron de limpeza, mantemento, seguridade, servizos sociosanitarios e medio ambiente, aínda que tamén houbo contratos doutras divisións da empresa como son os de servizos auxiliares e traballo temporal. Os grandes contratos de Eulen durante estes anos de Goberno de Feijóo foron co Sergas, a Consellería de Traballo e Benestar, coa do Medio Rural, a de Medio Ambiente e fundacións ou institucións como a Semana Verde de Silleda, Sogama ou a CRTVG.

As distintas divisións de Eulen aumentaron progresivamente as súas contratas na primeira lexislatura nas que a empresa facturou máis de 5,8 millóns de euros, principalmente en contrataos da Fundación Semana Verde e da Consellería Traballo e Benestar. Tamén tivo servizos de seguridade, xardinería, limpeza e telefonía de diversos departamentos autonómicos.

A maior facturación da compañía dáse na segunda lexislatura de Feijóo con 17 millóns de euros nos que destacan os importantes contratos coa Consellería de Traballo e Benestar, o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, o Sergas, Sogama, a CRTVG ou Augas de Galicia.  Nestes anos, Micaela Feijóo pasou de directora provincial de Vigo e Pontevedra a delegada rexional de Galicia da empresa de xestión de servizos, antes de converterse no 2016 en delegada de toda a zona noroeste da empresa.

Na actual lexislatura de Feijóo, a do 2016-2020, a facturación descende a máis de seis millóns de euros, facturando só neste último ano máis de 1,5 millóns, tal e como xa publicou este medio. Nestes últimos anos, os principais clientes de Eulen foron a Fundación Cidade da Cultura, as consellerías de Medio Rural e Medio Ambiente e Sogama, entre outras. 

Micaela Feijóo saúda ao seu irmán tras a victoria electoral de 2009
Micaela Feijóo saúda ao seu irmán tras a victoria electoral de 2009

SEIS CONTRATOS SUCESIVOS

Chama a atención os seis contratos que tivo nos meses posteriores á vitoria de Feijóo, entre marzo e outubro de 2019, cando Eulen fíxose con prácticamente todos os servizos da Fundación Semana Verde de Silleda por un montante total de 925.000 en seis concursos públicos. Así, acabou gañando o da seguridade do recinto feiral e a dos stands particulares, o da limpeza xeral do recinto, o da limpeza das oficinas e instalacións dos empregados. Unha contrata que ata o 2014.

2014, O MELLOR ANO

Eulen ten os seus grandes contratos no 2014. Ese ano gaña o concurso do servicio de limpieza de centros de salud ubicados dentro do municipio de Vigo por 1.372.610,16€, o de Servizo de vixilancia da Xerencia de Xestión Integrada de A Coruña por 3.886.000,00€, os dous do Sergas e o servicio de limpieza de centros de saúde dependentes da Xerencia de Xestión Integrada de Vigo ubicados fora de Vigo por 931.878,59€.

Tamén gaña o da xestión do servizo público asistencial de atención diúrna e outros servizos de prevención de situacións da dependencia e promoción da autonomía persoal nos centros de día de Cospeito, Begonte e Lourenzá, por 1.381.560,15€, a xestión do servizo público asistencial de atención diúrna e outros servizos de prevención de situacións da dependencia e promoción da autonomía persoal nos centros de día de Ares, As Pontes, Ferrol-Cabanas por 1.301.529,23€ do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. 

Finalmente, tamén resulta gañadora do concurso do servizo de enfermería do Complexo Medioambiental de Cerceda por 1.170.000,00€, xestionado por Sogama. En total, ese ano Eulen factura máis de 10 millóns de euros, un tercio do que facturará ao longo destas tres lexislaturas de Feijóo

OS CONTRATOS DA CRTVG

Tamén chama a atención os contratos que Eulen ten na CRTVG, o último en febreiro deste ano para levar o Servizo de seguridade privada para a Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A., adxudicado por 554.180,00 euros, 100.000 euros máis polos que se adxudicou o mesmo servizo en 2018, aínda que case medio millón menos do que custou ese servizo en 2013, 930.000 euros. Ademais, esta empresa tamén conseguiu leva en 2018 os servizos de de azafatas/os para os programas e eventos da Corporación Radio e Televisión de Galicia, por 110.110,00 euros.

MICAELA NÚÑEZ FEIJÓO

Micaela Núñez Feijóo é desde o 2016 directora da zona noroeste do Grupo Eulen, ámbito no que atende ás delegacións de Galicia, Asturias e Castela e León e, polo tanto, é a encargada de xestionar todos os concursos que teñen que ver con administracións e empresas privadas desa zona, incluída, obviamente, a Xunta de Galicia.

Previamente, a irmá do presidente galego foi directora provincial de Vigo e Pontevedra e delegada rexional de Galicia da empresa de xestión de servizos. Tamén figurou como apoderada noutras empresas do mesmo grupo, como Eulen Servicios Sociosanitarios, Eulen Seguridad e Flexiplan, a Empresa de Traballo Temporal con sede na compostelana Rúa das Galeras.

Eulen naceu hai 50 anos tendo unha primeira liña de negocio que foi a limpeza, pero diversificouse e agora ten sete liñas: limpeza, mantemento, seguridade, medio ambiente, servizos auxiliares, sociosanitarios e unha división de traballo temporal.

Segundo recolle a súa web, o Grupo EULEN conta con máis de 7.000 clientes en 14 países, máis de 90.000 empregados en persoal, máis de 60 servizos no mercado e vendas que superan os 1.500 millóns de euros en 2018.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Suschis

Qué bonito, lo primero es la familia y cómo Galicia y las instituciones gallegas son suyas, qué problema hay? los demás gallegos somos sus súbditos y si podemos recoger algún cachito de algo que les sobre, felices estaremos y encantados con nuestro gobierno