O colectivo médico en masa rexeita o cheque electoral de Feijóo: "pedimos dignidade e non frivolidade"

"A nosa deontoloxía e o noso xuramento hipocrático impídennos aceptar propinas como esta", indican os colexios médicos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/06/2020 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Os principais colectivos médicos rexeitaron o bono de 250 euros que o presidente da Xunta anunciou que lles daría aos traballadores sanitarios, de residencias e de centros de atención á discapacidade pola súa loita contra a COVID-19. Tanto o Colexios Médicos galegos como a delegación en Galicia da Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) consideraron "indigno" esta dádiva e pediron que ser tratados con "dignidade e non frivolidade".

Sanitarios, médicos, enfermeiras e auxiliares están na primeira liña de loita contra o coronavirus Covid-19
Sanitarios, médicos, enfermeiras e auxiliares están na primeira liña de loita contra o coronavirus Covid-19 | Fonte: EFE

Así, nun comunicado, o ente colexial, que reúne a máis de 13.000 facultativos, mostra o seu "máis rotundo rexeitamento" ante "tan singular medida". "A nosa deontoloxía e o noso xuramento hipocrático impídennos aceptar propinas como esta", indica.

Ademais, destaca que os sanitarios cumpriron coa súa obrigación nestes meses de crise sanitaria e dérono " todo", cunha entrega levada "ao límite" e arriscando a súa propia saúde. Por iso, agora reclaman "estabilidade no traballo, non contratos temporais, e recursos suficientes" para desenvolver o seu traballo "nas mellores condicións de seguridade e eficiencia".

"Nunha palabra, pedimos que a administración nos trate coa consideración debida e reforce o noso sistema sanitario para facer fronte a continxencias como a que vivimos e estamos a vivir", insiste o Consello.

Aínda que traslada a súa "solidariedade" á hostalaría, un sector que a Xunta pretende estimular con este bono, que se poderá gastar en restaurantes e aloxamentos, a organización de médicos indica que hai "medios para socorrelo sen caer en medidas pouco serias e que soan a improvisación".

CESM

Pola súa banda, a delegación en Galicia da Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) manifestou o seu rexeitamento ao cheque de 250 euros para sanitarios anunciado este venres polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e cualificou a medida de "propina" e "tomadura de pelo".

"Se realmente quere recoñecer o inxente labor desenvolvido por este colectivo na loita contra a COVID-19, reverta todos os recortes salariais, sociais e asistenciais que perdemos por mor da crise de 2009", replica o sindicato a Feijóo nun comunicado remitido este sábado.

En lugar deste bono, que ve "indignante", a CESM reclama medidas ás que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) e a Consellería de Sanidade "fixeron caso omiso", a pesar de que algunhas delas foron pactadas, denuncia. Entre elas, pide que se elimine a precariedade na contratación, que haxa listas transparentes e que se mellore a atención aos pacientes.

Este tipo de cambios, expón, son os que esperarían das autoridades sanitarias "se realmente queren ter un xesto de recoñecemento". O cheque "produce o efecto contrario ao perseguido, en plena campaña electoral", critica a organización.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Manuel..

Fan moi ben en rexeitar o cheque. Deberían darllo a xente que non ten pa comer.

2 Montse

Esta medida é tan indignante como o mesmo Feijoo, presidente da demagoxia e das palabras ocas, e como a sua miserable politica social e sanitaria

1 Ros

Que vergoña de presidente. O PP e a sùa idea da ètica.