1 de 54 en Viaxes seguinte

Fermentar e servir

O navegante emocional Gabriel Rei-Doval volve ó paradoxal Seattle nesta cuadraxésimo primeira entrega de 'Viaxes sen Lee'

Por Gabriel Rei-Doval | Seattle (Washington, USA) | 25/06/2020 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

Os camiños da vida leváranme de volta a Seattle, a miña cidade estadounidense favorita. Na última década, a perla do Pacífico mudara abondo... atascos, prezos elevados e seica unha maior protección. Polo visto protexer é o que pretende a autoridade competente, mesmo cando nos detén con aparataxe lumínica por superar en dez millas a velocidade permitida, invadi-lo carril contrario nun despiste ou realizar un xiro indebido onde a ninguén afecta.

De volta onda o mar de Seattle
De volta onda o mar de Seattle

Naquel domingo outonal volvera sen incidencias ó sempre inspirador barrio de Fremont. Ed e mais eu acordaramos vernos ó pé do camarada Lenin. Desde alí baixamos por Fremont Place ata o centro do universo, viramos á esquerda en Northlake Way e, por baixo de Aurora Avenue, acabamos no porto deportivo. Na intersección con Stone Way tomámo-lo carreiriño á esquerda do varandal e contemplámo-las embarcacións modernas sobre a ría mentres se adiviñaba no horizonte, Lake Union por medio, a beleza arquitectónica do centro de Seattle.

Fitando os rañaceos ó fondo, Ed retomou a conversa sobre mortos que gozan de boa saúde lembrando seu avó P̓íc̓habáyaḳ. A conexión interxeracional entrambos comezara na infancia. As desavinzas entre os pais e a tensión na familia levaran Ed a refuxiarse decote no cuarto do avó, onde aprendera o significado do coñecemento silencioso e maila empatía que non cesa.

Cedo aprendera Ed o significado de convivir con pai abusador e nai consentidora de maltrato verbal. Criárase entre os insultos con que Joe canalizaba a frustración propia impoñéndose a Janet desde esa pretendida superioridade de cuñado de medio pelo. Endebén, a psique de Janet, en lugar de rebelarse, absorbera durante décadas coma esponxa reseca a ira letal de Joe ata a súa amígdala arriar bandeira branca e acabar internada no manicomio de Lakewood.

A adicción de Joe ó clarete primitivo que fabricaba ás agachadas e papaba por galóns no soto da casa convertérao en paranoide á posible denuncia ante as autoridades tribais. Janet e P̓íc̓habáyaḳ calaran demasiado tempo os abusos de Joe. Unha vez o avó se converteu en romeiro do alén e a nai apertou a custodia psiquiátrica, Ed acabara a mercé das ondas do mar quileute, mais tamén libre para desenvolve-lo seu ser de chamán en adestramento. As viaxes pescantinas a Seattle tamén lle facilitaban visitas semanais a súa nai doente, única áncora presencial tralo óbito cirrótico de Joe.

No pacífico Seattle o obxectivo seica era fermentar e servir: bagos de ideas, acios de sensacións e espigas de sentimentos. A mestura lupular á que moitos seres humanos aspiran e poucas veces conseguen. Ed sufrira coma ninguén as arroutadas paternas fermentadas en cubas de carballo coa levadura do odio conxugal, en toneis de carraxe apilados de vagariño no soto.

Todo aquilo derivara en sensacións que súa nai nunca dera procesado. As levaduras asilvestradas do clarete primitivo, sempre impredicibles, contribuíran ó deterioro do fígado paterno e do sistema límbico materno. A pasta de temores e ira recibida por Janet acabaran secuestrando a súa amígdala. Primeiro refuxiárase na limpeza pulcra da casa e na ausencia contida de ollos verdes. Mais a carraxe acumulada ó longo de tantos anos acabara converténdoa nunha pantasma emocional, e de vagariño o desnorte e a vergoña familiar sentenciaron a súa reclusión no manicomio estatal de Lakewood. Arestora, a súa principal terapia era o arrecendo a fiuncho e macela traídos de Juniper Flowers que Ed camuflaba en domingo co cheiro a lumbrigante acabado de repartir.

E velalí estabamos, onda o mar de Seattle, un indio quileute e un indianajones mugardés, xunguidos por lembranzas, aventuras e arrecendos, e tamén  por intereses senlleiros en fermentar ideas e empatías, presenzas pretéritas e ausencias presentes, servidas sempre con plena ecuanimidade, mar e océano por medio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA