Por gcdeportes | Burela | 03/02/2013 | Actualizada ás 23:42
Día histórico para o CD Burela FS Peixes Rubén, o conxunto mariñano tivo que esperar ata a xornada 15 da LNFS para lograr a súa primeira vitoria na categoría. Tras os movementos no equipo durante o mercado invernal, o conxunto que adestra Julio Delgado presentaba ante a súa afección as novas fichaxes.
O debut soñado de Matamoros
O renovado Burela saltou á pista con dúas das súas fichaxes no cinco inicial, Matamoros e Cesinha. O primeiro foi o protagonista do fantástico inicio dos laranxas, anotando tres goles nos tres primeiros minutos do partido, asinando o debut soñado por calquera xogador. Tres auténticos lategazos ante os que pouco puido facer o meta visitante, Chico. Esa foi a carta de presentación do pivote madrileño ante a súa nova afección, polo que a marea laranxa non tardou moito en empezar a corear o seu nome.
O inicio do partido sorprendeu a todos, un Burela descoñecido ata o momento, moi enchufado no partido, con moita intensidade, ambición e pegada. Un lavado de cara para un equipo que ata o momento non remata de confiar nas súas propias posibilidades, e que tras os reforzos do mercado de inverno, sintese capaz de lograr mellores resultados.
Tras o recital de Matamoros no principio do encontro, apareceu a figura de Dani Salgado, para reducir as diferenzas no marcador no minuto cinco do encontro. Marfil refíxose e empezou a dominar por momentos o encontro, chegando con facilidade á portaría defendida por Edu e rendibilizando ao máximo as accións a balón parado. Ademais, a presión a toda pista dos de Xavi Passarius complicaba a saída e balón dos laranxas, que por momentos se vían asfixiados.
Cando peor o estaba pasando, o Burela apareceu o eterno capitán,Juanma, que, tras unha boa combinación con Matamoros, axustou un forte disparo ao a escuadra da portaría de Chico. Tras o gol do Mariskal o equipo de Julio Delgado soltouse un pouco a presión de verse tan pronto por diante no marcador e rematou por redondear a conta antes do descanso, nesta ocasión foi Cesinha o que enviou o balón ás redes establecendo o 5-1. Resultado co que os xogadores marcharon aos vestiarios.
O público asistente non cría o que reflectía o electrónico de Vista Alegre ao final dos primeiros vinte minutos. O conxunto local vencía con claridade a un Marfil Santa Coloma que chegaba a Burela coa intención de meterse nos postos que dan acceso aos playoffs polo título.
Dani Salgado bótase o equipo ás costas
A segunda parte empezaba co conxunto catalán intentando recortar distancias o antes posible. Nos primeiros minutos da segunda parte ambos os dous porteiros convertéronse nos protagonistas do encontro, evitando claras accións de gol por parte dos dous conxuntos. O ritmo era máis baixo que o da primeira parte e as accións a balón parado cobraban máis importancia.
No ecuador da segunda parte chegou a acción que marcaría un punto de inflexión, Cesinha vía a segunda tarxeta amarela e era expulsado. O Burela defendíase en inferioridade, pero era incapaz de impedir un novo gol do pichichi da competición,Dani Salgado, que se botaba o equipo ás costas intentando buscar un resultado positivo. A falta de sete minutos para o final do encontro saía Sepe como porteiro-xogador, e atacando en superioridade, de novo Dani Salgado batía a Edu cun forte disparo afastado, establecendo o 5-3 a falta de catro minutos para o final. Esta foi a tónica dos últimos minutos de partido, os cataláns atacando de cinco e os laranxas intentando roubar rápido para sentenciar o encontro. Así puido chegar o sexto gol, Nacho Pedraza e Matamoros a punto estiveron de logralo, pero serían Isi e Hugo os que aproveitaban dúas perdas visitantes para anotar e establecer un 7-3 case definitivo. Para finalizar o encontro, como non, outro gol de Dani Salgado, o cuarto na súa conta persoal, que lle fan aínda máis pichichi, pero que finalmente non serviu para levarse un resultado positivo de Vista Alegre.
Festa en Vista Alegre
Primeira vitoria para o Burela FS na Primeira División, por primeira vez o conxunto de Julio Delgado suma tres puntos que lle permiten abandonar o último posto da clasificación, lugar que agora ocupa o equipo canario de Gáldar. Pero máis importante que os puntos, o é quizais nesta situación as sensacións, porque tras as dúbidas xeradas polas saídas e as chegadas no mercado de inverno, no día de hoxe se puido ver a un novo Burela FS, moito máis competitivo e con moito que dicir nesta competición.
Crónica realizada por Daniel Dorado, desde Vavel
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.