Xunta e Universidade de Santiago traballan nun sistema que detecte precozmente a COVID-19 en augas residuais

Analizarán durante os próximos meses distintas tecnoloxías e métodos de detección nas depuradoras galegas.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 29/06/2020 | Actualizada ás 15:16

Comparte esta noticia

A Xunta, a través de Augas de Galicia, e investigadores da USC, coa colaboración das empresas xestoras, analizarán durante os próximos meses distintas tecnoloxías e métodos de detección de coronavirus nas augas residuais das depuradoras galegas, co obxectivo de deseñar un sistema que permita detectar de maneira anticipada a presenza da COVID-19.

Xunta e USC asinan un convenio para a detección da COVID-19 en augas residuais
Xunta e USC asinan un convenio para a detección da COVID-19 en augas residuais | Fonte: Xunta.

O convenio para desenvolver este programa foi asinado este luns pola conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, o reitor da USC, Antonio López, e o investigador e coordinador da agrupación estratéxica, o catedrático Juan Manuel Lema.

Segundo este acordo, os investigadores dedicarán polo menos dous meses --prorrogables por outros dous-- a analizar a presenza de COVID-19 en depuradoras galegas que abarcan distintas poboacións e que empregan distintas tecnoloxías.

En concreto, seleccionáronse as de Vigo, Ourense, Ferrol, Santiago, Lugo, Viveiro e Ribeira. O obxectivo final é comparar a técnica que permite unha maior fiabilidade e elaborar un sistema que poida ser extrapolable para empregar na detección de posibles rebrotes.

INICIATIVA PILOTO

O grupo de investigación, segundo lembrou Juan Lema, xa realizou esta investigación centrándose na depuradora de augas residuais de Ourense, onde determinaron que o lugar de toma de mostras máis fiable era a balsa de espesado de lodos, onde se pode determinar o comportamento da zona nas últimas 24 horas e estimar, así, a presenza do coronavirus SARS-CoV-2.

O virus, destacou o catedrático, está presente no intestino dos pacientes ao redor dunha semana antes de comezar os síntomas, polo que a súa detección en augas residuais podería favorecer a posta en marcha de medidas de control dun modo precoz en canto se producise un rebrote.

O obxectivo agora, estendendo este traballo a distintas depuradoras, é "validar a metodoloxía" e poder, nun futuro, "ofrecer este protocolo ás autoridades" para detectar canto antes os brotes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta