Os actores galegos alertan dun reinicio de actividade "sen garantías hixiénico-sanitarias" contra o coronavirus

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) pide un protocolo.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 29/06/2020 | Actualizada ás 17:45

Comparte esta noticia

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) alertou este luns sobre as condicións nas que se está dando o seu regreso á actividade laboral no ámbito das artes escénicas, "sen garantías hixiénico-sanitarias" que preveñan os contaxios por COVID-19.

Máscara
Máscara

Segundo denunciaron, "o sector carece a día de hoxe dun protocolo formal para reducir os riscos de contaxio" cunhas medidas hixiénico-sanitarias "suficientes" para un oficio "no que, en moitas ocasións, as medidas xerais de protección", como a distancia ou o uso de máscaras ,"non son asumibles".

A AAAG lembrou que "o contacto físico entre integrantes do elenco artístico resulta inherente á actividade", algo que causa unha "fonda preocupación" no sector de cara á reactivación.

No proceso de desescalada, apunta a asociación, os decretos "centráronse" nas "porcentaxes de aforamento, nas distancias entre espectadores ou na seguridade nos accesos dos recintos", sen establecer "medidas específicas para garantir a seguridade dos equipos artísticos sobre os escenarios".

Incluso o documento publicado o 14 de xuño polo Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música, apuntan, "é insuficiente", dado que "resulta ser tan só unha folla de ruta orientativa elaborada por unha institución cultural estatal sen competencia ningunha en materia sanitaria".

Por iso, a AAAG considera "imprescindible un protocolo oficial e rigoroso de ámbito autonómico que vele pola seguridade dos elencos artísticos", aos que "se lles podería chegar a esixir por motivos profesionais e/ou artísticos exercer o seu traballo sen máscara nin distancia de seguridade ou mesmo manter un contacto físico íntimo, co risco que isto suporía non só para a saúde deles, senón para o conxunto da sociedade no contexto actual de pandemia".

A AAAG considera que ese protocolo oficial debería especificar que os servizos de prevención de riscos laborais deben decidir en que espectáculos podería resultar imprescindible a realización de tests e a súa periodicidade, avaliando as particularidades de cada montaxe e os riscos de contaxio derivados das accións que se desenvolvan sobre o escenario que contraveñan as medidas esenciais de protección.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta