Sonia Méndez, directora de `As Neves´: “O lugar onde colocas a mirada vai determinar unha historia”

Sonia Méndez reflexiona acerca da súa primeira longametraxe de ficción, `As Neves´, nunha conversa centrada na adolescencia e nas súas contradicións.

Por Claudia Varela Lourido | A CORUÑA | 12/07/2025 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Sonia Méndez (Vigo, 1980) é actriz, guionista e directora de cine. Leva máis de 20 anos creando e producindo en diversos ámbitos do mundo audiovisual. No ano 2018 fundou a produtora Cósmica Producións xunto a Nati Juncal Portas e desde o 2014 dirixe o festival de contidos dixitais Carballo Interplay. Os seus inicios no audiovisual foron diante das cámaras, pero axiña comezou a interesarse máis polo que acontecía detrás. As Neves é a súa primeira longametraxe de ficción, na que se adentra de cheo na adolescencia e nas contradicións que caracterizan á xeración Z. Non obstante, este filme pretende identificarse indistintamente con todas as xeracións, que poden verse reflectidas --en maior ou menor medida-- nas decisións que toman as protagonistas desta historia. A Fonsagrada é o lugar escollido para desenvolver a narración, que plasma dunha maneira moi fidedigna a realidade dos adolescentes hiperconectados. Sonia Méndez afonda nesta e noutras cuestións en conversa co Galicia Confidencial.

Sonia Méndez na súa casa, cun póster de Agnes Varda detrás. Claudia Varela Lourido
Sonia Méndez na súa casa, cun póster de Agnes Varda detrás. Claudia Varela Lourido

Como foron os teus comezos no mundo cinematográfico?

Eu comecei sendo actriz, tiña vocación de intérprete. De rapaza empecei facendo moito teatro. Despois, cando me trasladei a Santiago, comecei a estudar Xornalismo, xa que aínda non había a carreira de comunicación audiovisual. Sempre tiven moi claro que o que me gustaba era o cine. Tiña clarísimo que quería ser actriz, polo que comecei a formarme paralelamente nunha escola en Santiago e moi pronto fixen unha proba e entrei nunha serie da TVG. Unha cousa foi levando a outra, e cando comecei a traballar nas series da Galega, dinme conta rapidamente de que me atraía máis estar detrás das cámaras. Polo tanto, marchei estudar a Barcelona. Foi un cúmulo de acontecementos. Fixen moitos cursos, pero non teño unha carreira. Sempre fun moi autodidacta. 

Desde aqueles inicios ata o presente, cal é o maior cambio que notas no desenvolvemento das producións?

Eu creo que, por un lado, houbo unha democratización dos medios. Cando eu empecei, aínda se realizaban as curtametraxes cunha 16 milímetros, entón era moito máis complicado chegar a producir nada. Hoxe en día, calquera pode coller un móbil, facer unha curtametraxe, editala e difundila. 

As circunstancias cambiaron, e ti? Cres que cambiaron as túas narrativas?

Creo que non fundamental non variaron. O que quería contar antes sigo querendo contalo. O único que cambia son os medios que teño á miña disposición para poder levar a cabo as miñas producións. Eu creo que igual había cousas que nin sequera me imaxinaba porque pensaba que nunca podería chegar a facelas.  É certo que tamén se evoluciona como persoa. Non é o mesmo a historia que se quere contar con 20 anos que a que se conta con 40. De todas formas, eu sempre intento que non se perda o punto gamberro. 

Falando dos teus referentes, son constantes ou van variando en función da temática que queiras tratar?  

Eu teño, por unha banda, referentes de vida como Agnes Varda, pero os referentes das miñas creacións van cambiando segundo as temáticas que queira tratar. O certo é que hai moitas cousas que variaron, porque eu veño dunha xeración na que non había referentes femininos dentro do mundo cinematográfico. Estudei cinema nunha escola na que nunca se reproduciu unnha película dunha muller. Nunca se falou en Historia do Cinema de que existían mulleres  cineastas como Alice Gui ou que había directoras nos inicios do cinema. Directamente, as mulleres cineastas non existían. A partir deste momento, comecei a buscar referentes femininos, e iso tamén me fixo renunciar a moitos referentes masculinos que idolatraba porque empecei a ver posturas deles que non me interesaban. Nese momento empecei a ter unha evolución consciente. 

As Neves versa sobre a adolescencia, as súas relacións e como inflúen as redes sociais nos máis novos. De onde sae ese interese por retratar á xeración Z e as súas contradicións? 

O filme veu de varios puntos. Por un lado, porque tiña moitas ganas de traballar con adolescentes. Gústame moito o cinema protagonizado por adolescentes, porque me parece unha etapa vital incrible. É cando vives todo por primeira vez, todo é moi intenso, as emocións son puras e inocentes. A adolescencia ten moitos matices a nivel emocional dentro das narrativas que me interesan. Por outra banda, sempre me gustou moito o cine teenager, e ademais, en Galicia non había ningún referente. Non me refiro a que eu sentase un precedente, senón a que tiña unha teima. Non había series nin filmes que retratasen con honestidade aos adolescentes en galego.

Que dificultades atopaches á hora de traballar nos espazos máis áridos da contorna galega?

 

A dificultade fundamental foi que non había neve para rodar na Fonsagrada. Gravar en espazos naturais sempre é marabilloso, pero pode haber complicacións porque non se pode controlar o tempo. En Galicia pode chover, pode estar nubrado, pode facer mal día… Por iso, eu creo que hai que ter unha capacidade de adaptación moi grande. 

 

Como é traballar cun reparto novel? 

É moi guai. Tiven moita sorte porque o reparto era marabilloso a nivel profesional e a nivel persoal. Implicáronse 100% e para min foi moi enriquecedor. Aprendín moitísimo con eles e creo que eles comigo tamén. De feito, sigo en contacto con moitos deles e espero que lles vaia moi ben. 

Tiveches algunha dificultade á hora de retratar as sensacións máis efervescentes da adolescencia?

Eu son bastante kamikaze. Non me fago demasiadas preguntas porque sempre existe unha especie de dilema moral na mente do cineasta. O lugar onde colocas a túa mirada vai determinar unha historia, vai facer unha selección da realidade. Eu decido o que se mostra no encadre e o que non. Tamén é certo que isto é ficción, non é un documental, polo que non estou sentando ningunha cátedra. Para min esta película é un retrato da adolescencia cunha serie de condicionantes, evidentemente. E penso que moita xente adulta que foi ver a película conectou con ela porque, dalgún xeito, conectaron tamén coa súa adolescencia. 

Con este filme evitaches caer nunha narración moralizante. Pensas que conseguiches fuxir da típica película high school que non ten nada que ver coa realidade?

Para min era moi importante que a película fose honesta e non xulgase, para ser o máis fiel posible a eles e tamén a min. Eu non quería dicir o que estaba ben ou mal. O que non me gusta de moitas películas adolescentes é esa sensación de miralos desde arriba. Todos cometemos erros e a película intenta colocarse á altura dos rapaces. Se había unha personaxe contraditoria ou que non se comprendía, eu non a explicaba. As contradicións son parte de nós e é o misterio o que fai ás cousas humanas. É por iso que non me gusta dar as cousas explicadas por completo, porque eu ás veces non entendo ás personaxes e, polo tanto, os espectadores tampouco. Evidentemente, hai un abismo xeracional en moitos aspectos, porque eu non conecto con moitísimas cousas do adolescente contemporáneo, pero con outras si. Onte lin un “artigo” de Greta Gerwig que dicía que as personaxes son seres moi interesantes, porque se lles das unha intención, un desexo, un segredo e unha paixón, xa funcionan soas. Pareceume moi bonito.

Como conflúen o analóxico e o dixital nesta película?

Eu vivín unha adolescencia analóxica, polo que sempre me chamou moito a atención a distorsión que implica ter un teléfono móbil. Ao contrario do que se pensa en moitas ocasións, este filme non é unha crítica ás redes sociais. A película vai dos erros adolescentes e de como estes poden triplicarse a través das redes sociais. Todo se torce por unha tontería, por gravar un vídeo sen pensar. Antes non había móbiles, pero deixábanche cartas no pupitre ou escribían cousas na pizarra. É o mesmo, pero en diferente formato. Eu mesma vivín esa transición do analóxico ao dixital e creo que, máis que unha crítica, estou agradecida da sorte que tivo a miña xeración.

En que estás traballando actualmente?

Estou traballando fóra de Galicia. É unha cousa que todavía non podo comentar, pero tiña moitas ganas de traballar fóra de aquí. Tamén quería probarme a min mesma realizando este tipo de traballos e, sobre todo, quería aprender, porque creo que se aprende moito rodando. Esperamos rodar en breve unha película de Lucía Estévez. Por outra banda, temos en desenvolvemento unha película con Irene Pin que trata dunha historia de amor na madurez. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta