Por Galicia Confidencial | PONTEVEDRA | 13/07/2025 | Actualizada ás 03:45
O festival BIGSOUND de Pontevedra viviu este sábado a súa xornada máis potente ata agora, cun cartel que prometía unha rusa de emocións... e que cumpriu con creces. Dende os primeiros compases da tarde ata a última canción pasadas as dúas da madrugada, o público abarrotou o Parque da Tafisa para deixarse levar por unha mestura explosiva de pop, trap, reggaeton e electrónica, todo aderezado pola enerxía incansable dunha audiencia que non deu tregua nin un minuto.
SOULMACKLEIN, PTAZETA, LEIRE MARTÍNEZ E OMAR MONTES CON ARCE
O arranque correu a cargo de Soulmacklein, que puxo a quentar os motores cunha sesión que cheiraba a hip-hop clásico e respecto polas raíces. O seu paso polo escenario do BIGSOUND deu pé ao primeiro gran estourido da tarde con Ptazeta, que saiu ao escenario coma un tornado. Temas como 'Mami' ou 'Trakatá' fixeron vibrar ao público, que respondeu entregado dende o minuto un. Foi o primeiro subidón real do día, e non sería o último.
Leire Martínez sorprendeu cun directo maduro, elegante e emocional, deixando claro que a súa proposta vai máis aló do pop fácil. Seguiulle outro dos grandes nomes do día: Omar Montes, que converteu o Parque de Tafisa nunha auténtica festa popular. Entre ritmos flamencos, reggaeton e o seu carisma habitual, o artista meteu ao público no peto sen apenas despeinarse. Ademais, non estivo só: subiu ao escenario ao controvertido Arce Perro Viejo, que apareceu por sorpresa para sumarse ao show cunha breve intervención que non deixou indiferente a ninguén, cantando 'O andar miudiño' e algúns dos seus temas.
AMAIA, MARÍA ESCARMIENTO E LA ZOWI
Pero o momento máis máxico da noite chegou con Amaia, que firmou un concerto delicado, luminoso e cheo de matices. A ex 'triunfiña' --nome que recibe polo seu exitoso paso polo concurso de televisión Operación Triunfo--, demostrou que é moito máis que unha voz bonita: é unha artista total. Cun repertorio que mesturou cancións do seu último disco e xoias xa convertidas en himnos, como 'Yamaguchi' e 'Quiero pero no'. Amaia logrou algo difícil nun festival deste calibre: o silencio emocionado de milleiros de persoas.
No outro escenario, María Escarmiento puxo o contrapunto cun show irreverente, cargado de sintetizadores, autotune e provocación ben medida. E o que veu despois foi directamente unha bomba: La Zowi rebentou o escenario co seu trap incendiario, rodeada de visuais escuras, perreo crudo e unha actitude que acendeu ao público. Foi unha das actuacións máis viscerais da xornada, e moitos sinalárona como a grande sorpresa do día.
RELS B E JUANJO GARCÍA DJ
A recta final quedou nas mans de Rels B, un dos grandes cabezas de cartel do BIGSOUND. O mallorquín ofreceu un espectáculo de altura, cunha produción coidada, luces envolventes e unha sucesión de éxitos que fixeron corear a todo o recinto. Deixou a enerxía, o sentimento, a voz e, sobre todo, o corazón, en Pontevedra. 'Cómo dormiste?', 'Mi luz', 'A mí'... non faltou nin un éxito. Carisma, flow e conexión real co seu público. E, para rematar a festa e poñer o broche de ouro á edición de 2025, Juanjo García DJ tirou hits urbanos, electrónica comercial e unha selección infalible. Quen pensaba marchar antes de tempo para saír facilmente da cidade, rematou quedando a bailar.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.