Por E.P. | PONTEVEDRA | 15/07/2025 | Actualizada ás 16:33
Alba Moledo, Rexina Veiga e Carmen Villar, son as finalistas do XXII Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego, segundo deu a coñecer este martes Afundación, a Obra Social de ABANCA.
O xurado está integrado por Víctor Freixanes, Carlos Vale, Xosé Carlos Caneiro, Fina Casalderrey, Gloria Rodríguez e Diego Ameixeiras. Todos eles elixiron o tres artigos entre as 22 candidaturas na deliberación que tivo lugar este martes na Sede de Afundación en Pontevedra.
Podían presentarse artigos incluídos no xénero do xornalismo literario ou ben no xénero de artigo de opinión, coa única condición de que só se presentase un texto por autoría que fose recollido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2024 en calquera medio de comunicación, impreso ou dixital, de cabeceiras recoñecidas e escrito en lingua galega.
Alba Moledo Ucha é finalista polo seu artigo "Agromar", publicado en 'Diario de Pontevedra' o 6 de xuño de 2024; Rexina Veiga, por "Aínda aprendo", en 'Tempos Novos', o1 de xaneiro de 2024; e Carmen Villar, por "A terra que nos ata ao mundo", en 'Faro de Vigo', o 19 de maio de 2024.
Fina Casalderrey, vocal decana do xurado, felicitou a todas as persoas que enviaron o seu artigo, "porque é un acto de xenerosidade e de humildade".
Segundo indicou, nesta edición os temas foron variados e de "índole intimista, feminista, de análise política, de identidade, de saúde física e mental e de reivindicación", e segundo apuntou Fina Casalderrrey "cunha calidade tan elevada que nos levou a apaixonados debates na deliberación".
Pola súa banda, o director xerente de Afundación, Pedro Otero Espinar, destacou a "ardua tarefa de selección" por parte do xurado, dada a calidade dos textos presentados. Tamén se referiu ao "papel esencial" que, ao seu xuízo, o xornalismo desempeña e que "require grandes esforzos e revélallenos imprescindible".
O premio está dotado con 10.000 euros para a autora do artigo gañador e, como novidade este ano, cada unha das finalistas recibirá 2.000 euros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.