Veciños de Pontevedra estalan contra os recortes da Xunta: "temos un médico 'e medio' para 7.500 habitantes"

Asociacións e partidos de Sanxenxo e Soutomaior anuncian mobilizacións contra un "desmantelamento" que "provoca colapsos continuos", sobre todo na tempada de verán, cando se multiplica a poboación.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/07/2020 | Actualizada ás 12:17

Comparte esta noticia

Veciños das Rías Baixas estalan contra "o desmantelamento constante da sanidade pública por parte da Xunta de Galicia", que deixa a capacidade asistencial dos seus Concellos "nunha situación límite". As últimas localidades en alzar a voz foron Sanxenxo e Soutomaior, unidos nunha crítica común á "humillación" que supoñen os "colapsos continuados" que, apuntan, se derivan da "desidia" da Xunta de Galicia.

Manifestacion en Vigo
Manifestacion en Vigo | Fonte: CIG

A voz de alarma no municipio pontevedrés púxoa o grupo municipal do BNG, que denuncia que o Sergas "non cubre as baixas nin as vacacións dos médicos", unha circunstancia que se une ós recortes reiterados do persoal sanitario, segundo apuntan os nacionalistas. As mesmas fontes defenden que a ausencia de suplencias para os sanitarios ausentes está a provocar "problemas e tensións na atención sanitaria dende o primeiro día", xa que, segundo destacan, o recorte deixa ó Concello de Soutomaior  "unicamente conta cun médico e outro a media xornada para atender un municipio de 7.500 habitantes".

TEMPADA DE VERÁN

A carencia de facultativos para desenvolver unha atención suficiente é tamén a principal queixa de "Somos Sanxenxo". A asociación denuncia os "colapsos asistenciais" que teñen lugar "sistematicamente" no Centro de Saúde de Baltar-Portonovo como consecuencia, entre outras medidas, da centralización da consulta de pediatría de tres concellos. Dende a plataforma ollan con medo á tempada de verán, na que a poboación do Concello se multiplica por mor do turismo. "Este ano prevese un auténtico inferno, tanto para pacientes como para o persoal do Centro de Saúde e PAC de Baltar".

MOBILIZACIÓNS

Fronte a esta situación continuada, o BNG de Soutomaior chama ós veciños da vila a unha manifestación prevista para este domingo 5 para "deixarlles claro que non imos permitir que xoguen coa nosa saúde". Pola súa banda, os denunciantes de Sanxenxo xa lanzaron unha recollida de sinaturas que pretende reforzar o persoal do Centro de saúde, conseguir unha ambulancia medicalizada e restaurar a consultas de pediatría de Meaño e Meis, que foron concentradas en Sanxenxo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta