Feijóo aspira a que "a xente se manteña unida vote a quen vote"

O candidato do PPdeG á reelección afirma que o seu partido non quere que as eleccións do 12 de xullo sexan "un pulso entre unha parte da cidadanía e outra".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 02/07/2020 | Actualizada ás 20:26

Comparte esta noticia

O candidato do PPdeG á reelección, Alberto Núñez Feijóo, afirmou nun mitin este xoves que o seu partido non quere que as eleccións do próximo 12 de xullo sexan "un pulso entre unha parte da cidadanía e outra" e reivindicou que a súa formación aspira a que "a xente se manteña unida vote a quen vote".

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo | Fonte: Ana Varela.

Nun acto en Nigrán, sinalou que hai unha política "estendida en España que divide a sociedade" e considerou que "non é bo trasladala a Galicia". "Galicia non se pode dividir e fracturar, non pode ser un conxunto de restas, senón un conxunto de multiplicacións e de sumas", manifestou.

Por iso, sinalou, o PP busca "dar resposta aos problemas" e é así como logra "representar á maioría dos galegos". "Se pensas na maioría, é posible que teñas a atención da maioría. Se pensas na túa parroquia, tes un resultado pequeno", dixo.

Feijóo rexeitou "atacar" os candidatos doutras formacións políticas ou aos ministros que visitan Galicia estes días. "Veñen os ministros do Goberno de España a meterse connosco, pero nós para que nos imos meter con eles? É perder o tempo", sinalou e considerou que "non lles interesa Galicia" e despois dos actos "collen un avión e vanse".

Para "atacar" aos aspirantes doutras formacións, engadiu, non ten "tempo" porque, "con 10 candidatos", non quedaría espazo para dar o mitin. Eles si cargan contra el porque "non teñen programa", engadiu.

O candidato, que busca a súa cuarta maioría absoluta, situou o emprego como "a prioridade do país" e considerou que é "a chave de todo", porque sen traballo non hai consumo e descende a recadación de impostos, cos que se financian os servizos públicos. "Non pode haber política social sen unha boa política económica", defendeu.

MOBILIZACIÓN DOS MAIORES

O programa dos populares é resultado de "moitos anos de experiencia" e pódese aplicar "na primeira hora despois de pechar as urnas". "Porque non queremos depender de ninguén, só dos galegos", asegurou. A súa proposta contén, como en anteriores citas electorais, "cinco grandes compromisos", que son coa saúde, "cos que máis o necesitan", cos maiores, cos mozos e coas familias.

Á poboación maior pediulle que se mobilice o 12 de xullo. "Pídovos que vaiades votar todos os maiores para dar unha mostra de responsabilidade e amor incondicional a Galicia", animou e díxolles que "segue sendo o seu tempo".

Feijóo defendeu, ademais, que a crise da COVID-19 foi a "auditoría" da sanidade pública, que non tivo "un exame máis difícil na historia" e mostrou que "os servizos estaban preparados". Por iso, non houbo que "elixir" se porlle un ventilador a un enfermo ou non porque non houbese suficientes. Ao persoal sanitario, agregou, "hai que porlle un sobresaliente do principio ao final".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta