O sector turístico non prevé superar o 60% de ocupación ante un verán "fráxil"

Aínda que as reservas "marchan ben", consideran "complicado" adiantar datos e móstranse preocupados pola rendibilidade.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/07/2020 | Actualizada ás 12:21

Comparte esta noticia

A de 2020 será unha tempada de verán "fráxil e atípica" na que o sector turístico galego traballará en "circunstancias moi difíciles" para "sobreporse ao durísimo golpe" da crise da COVID-19, un período no que, aínda con reservas que "marchan ben", non teñen expectativa de superar unha media do 60% de ocupación nos períodos álxidos dos próximos dous meses.

Así o aseguran para Europa Press fontes do Clúster Turismo de Galicia, que apunta que, neste momento, resulta "case imposible facer unha estimación nin establecer uns obxectivos de ocupación para o verán".

Os establecementos consideran que a apertura de fronteiras, primeiro comunitarias e posteriormente extracomunitarias, será un impulso para este sector, principalmente polo regreso do mercado portugués, á vez que se reactivan elementos como o Camiño de Santiago.

Con todo, auguran que esta tempada será "de todo menos convencional" e máis ben "fráxil e atípica". Por iso, os organismos turísticos, destacan desde o Clúster, non realizarán este ano as súas tradicionais previsións de ocupación, que se antollan "case imposibles" nun escenario no que as reservas de última hora pesarán "máis que nunca".

ENTRE O 15 E O 60 POR CENTO

En todo caso, os establecementos consideran que durante o mes de xullo se moverán nunha pinza de ocupación de entre o 15 e o 30 por cento e a previsión para o mes de agosto, no que se confían os mellores datos, é situarse entre o 50 e 60% das prazas. "Resulta sumamente complicado establecer datos máis aló", apunta o Clúster, que recoñece, no entanto, que as reservas "marchan ben", sobre todo tendo en conta as perspectivas hai algúns meses, nas que non sabían "sequera se se podería abrir este verán".

Asociacións locais como Hostalaría Compostela estiman a ocupación hoteleira durante o mes de xullo na cidade no 12,95%, que contrasta co 63,66% de media do mesmo mes de 2019. Para os días grandes das Festas do Apóstolo, o 24 e 25 de xullo, estiman que podería incrementarse por encima do 23%.

Pola súa banda, a Asociación de Hostalaría de Vigo e a Federación de Hostalaría de Pontevedra calculan ocupacións "baixas" polo momento en cidades como Vigo ou Sanxenxo, que poderían chegar progresivamente ao 30%. No mes de agosto e fins de semana, os picos que se manexan están en torno ao 50 ou 60%.

O RETO DA RENDIBILIDADE

Máis aló das cifras de ocupación, o sector está preocupado pola rendibilidade e a subsistencia dos propios establecementos, que tiveron que facer importantes investimentos para adaptarse aos requisitos hixiénico-sanitarios. Galicia, lembran, "está preparada para recibir viaxeiros" e implantou protocolos de seguridade, así como adaptado servizos. "Estamos preparados para ofrecer un destino seguro e de calidade, pero os profesionais do sector temos que ser cautos e lembrarlles tanto a galegos como a visitantes que o virus segue aquí", resolveron.

A Praza do Obradoiro, coa Catedral de Santiago de Compostela, a inicios do mes de xullo.. EUROPA PRESS - Arquivo
A Praza do Obradoiro, coa Catedral de Santiago de Compostela, a inicios do mes de xullo.. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta