"Non somos parte da campaña do PP", a resposta dun responsable da ABAU a Feijóo

O presidente dunha das comisións encargadas da proba rebélase contra a "utilización política" do candidato do PP á Xunta de Galicia que leva insistindo nos seus mítines políticos dos últimos días a "seguridade" coa que se celebra a antiga selectividade para que tamén se vote en toda a Mariña.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/07/2020 | Actualizada ás 14:15

Comparte esta noticia

O emprego "electoralista" por parte de Núñez Feijóo da estabilidade coa que están a ser realizadas as probas de acceso ó sistema universitario vén de gañarse a primeira mostra de rexeitamento entre a comunidade docente. As redes sociais de Galicia Confidencial recollen este xoves un correo electrónico remitido polo presidente dunha das comisións encargadas do exame ó tribunal da CIUG pedíndolle a este que "deixe claro" que o seu traballo "non forma parte da campaña política do PP".

Exame de Selectividade. UNIVERSIDADE DE SEVILLA - Arquivo
Exame de Selectividade. UNIVERSIDADE DE SEVILLA - Arquivo

Segundo apunta este presidente de comisión, Feijóo fixo uso do "comportamento modélico" dos estudantes e o "gran esforzo" dos docentes para "demostrar o éxito da súa xestión e xustificar as eleccións da Mariña". O emisor do correo expresa a súa repulsa asegurando que lle dá "moito noxo a utilización política do noso traballo". "Non o facemos para a gloria de Feijóo, se non eu non asumiría esta responsabilidade".

Esta primeira mostra de rexeitamento xorde apenas horas despois de que o candidato do PP á Xunta de Galicia asegurase que "votar na Mariña é tan seguro como facer o exame de ABAU", que nestes días se está a desenvolver na comarca baixo fortes medidas de seguridade. A posibilidade de suspender ou aprazar as eleccións na comarca mariñán divide ós alcaldes da zona pero tamén ós partidos políticos que converxen ás eleccións do 12X, con Núñez Feijóo como principal defensor de manter o calendario establecido.

FEIJÓO

O presidente galego volveu este xoves a insistir nesta comparación. Foi na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, no que suliñou que a antiga selectividade "trasncorre con normalidade" e que os estudantes "teñen un comportamento exemplar e iso que levan 3 días na aula"

Correo electrónico do presidente cunha comisión ó tribunal da CIUG pedindo que se manifesten en contra da 'utilización electoral' de Feijóo
Correo electrónico do presidente cunha comisión ó tribunal da CIUG pedindo que se manifesten en contra da 'utilización electoral' de Feijóo | Fonte: Redes sociais de GC

"Iso é un bo indicador para medir a saúde dos galegos", dixo para insistir na necesidade de que se se pode facer exámenes tamén se pode ir votar. "De feito, un dos sitios nos que se están facendo exames é na Mariña", suliñou. "O único foi que tivemos que illar a un dos estudantes porque estivera en contacto cun positivo. Ao final deu negativo pero terá que repetir o exame en setembro", bromeou.

DÚAS POSIBLES ALERTAS POR COVID-19

As probas de selectividade finalizaron este xoves en Galicia e deixan dúas alertas por posibles casos de COVID-19, que deron negativo nas probas PCR que se lles practicaron. Non houbo incidencias na comarca da Mariña, que permanece pechada desde o luns polo rebrote da enfermidade na zona.

Así o indicou o vicepresidente da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) Pedro Armas, a Europa Press. O mércores, concretou, unha alumna que estaba a realizar os exames na facultade de Economía de Santiago de Compostela informou de que tiña calafríos, polo que se aplicou o protocolo e illoulla xunto ao representante do seu centro nunha aula ventilada e deuse aviso á familia e ás autoridades sanitarias.

A moza someteuse a unha proba PCR que deu negativo e este xoves seguiu facendo as probas con normalidade xunto aos seus compañeiros, indicou Armas.

No caso de Vigo, que se produciu o martes, o estudante afectado fixo os exames da mañá e, ao regresar ao seu domicilio, responsables das autoridades sanitarias recomendáronlle que non continuase coas probas debido a que estivera en contacto cun familiar que estivera no estranxeiro e dera positivo. No entanto, tamén deu negativo na proba.

Este alumno poderá presentarse en setembro aos exames mantendo "as prerrogativas" de xullo no que respecta ao acceso ás carreiras, sinalou Armas. Ter todo "tan planificado", valorou, permitiu "actuar con axilidade" ante este tipo de casos.

No caso "singular" da Mariña, cuxos estudantes estaban convocados para examinarse en Viveiro, non houbo incidencias, agregou Armas. O domingo, tras anunciarse o peche da comarca, os responsables das probas tiveron que facer reaxustes para que os estudantes procedentes da zona de Ortigueira, que debían ir a Viveiro, fosen á Coruña; e os de Mondoñedo, que debían ir a Lugo, fosen a Viveiro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta