Entrevista a Gonzalo Caballero: "A Feijóo non lle interesa a Mariña, nin os brotes, senón os cálculos electorais"

O candidato do PSdeG ás eleccións do 12X acusa duramente a Feijóo de minimizar o risco sanitario que existe en Galicia por que a crise da Covid "estálle marchando das mans". Lembra que durante o estado de alarma criticaba todas as medidas de Sánchez e pedía asumir competencias "e agora que resulta que as ten, ten medo a exercelas". Pide ao electorado de esquerdas que se mobilice e non se deixe convencer polas enquisas e lembra que xa o pasado novembro o voto progresista sumou o 55% dos votos en Galicia.

Por Xurxo Salgado | Vigo | 10/07/2020 | Actualizada ás 14:23

Comparte esta noticia

Xa estás na recta final da campaña. Son os teus primeiros comicios como candidato á Xunta. Como o estás vivindo?

O presidente do Goberno e secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez (i), durante un mitin xunto ao candidato á presidencia da Xunta polo PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero (d), en Xardín do Posío, Rúa do Progreso, Ourense. Rosa Veiga - Europa Press
O presidente do Goberno e secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez (i), durante un mitin xunto ao candidato á presidencia da Xunta polo PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero (d), en Xardín do Posío, Rúa do Progreso, Ourense. Rosa Veiga - Europa Press

Pois ben, ilusionado. Estamos no final da campaña e xa botando o resto. Vemos que a xente está mobilizada, que quere cambio e que está cansa das mentiras de Feijóo. E eu tamén vexo eses aires de cambio que son tan necesarios para o país que sofre xa once gobernos de recortes de todo o público e, ademais, agora ten que soportar os efectos dunha pandemia.

Precisamente o coronavirus tamén está contaxiando o tramo final da campaña?

Si. Estamos moi preocupados polo que pasa na Mariña. Hai máis contaxiados que cando se decretou o estado de alarma. Seguen crecendo o número de infectados. E estamos moi pendentes do virus porque pode ter unha progresión perigosa. Curiosamente o sábado Feijóo dicía que estaba todo controlado. Eu mandeille un escrito pedindo que tomara medidas e un día despois decretaba illamento de cinco días. Unha decisión que non ten ningunha base epidemiolóxico e resulta contradictorio co que el mesmo defendía cando quen dirixía a crise era o Goberno central.

E por que cres que só cinco días?

O candidato socialista do PSdeG, Gonzalo Caballero, presenta a súa lema de precampaña: 'Faino por ti. Faino por Galicia'. PSDEG
O candidato socialista do PSdeG, Gonzalo Caballero, presenta a súa lema de precampaña: 'Faino por ti. Faino por Galicia'. PSDEG

Non ten sentido ningún esa medida a non ser que só estea pensando en clave electoral. .

Feijóo quere abrir agora toda a Mariña agás Burela.  Cres que se deberían suspender as eleccións en toda a comarca?

Os alcaldes xa se pronunciaron. Tamén o presidente da Deputación de Lugo. Ir votar nestas condicións é un risco. Por iso lle pedimos que compareza na Cámara e explique o que quere facer e consensue unha solución a esta situación. Non se pode ter unhas eleccións en condicións porque hai moita xente confinada.

Pero el dixo que os que están gardando corentena aínda que non estean contaxiados poden ir votar?

Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta utilizou datos de onte e non de hoxe para insistir nas súas mentiras. E Galicia merece un presidente que diga a verdade e priorice a saúde da xente. Os alcaldes están moi preocupados polo que está pasando, especialmente, logo de que a Xunta cargara neles a responsabilidade de controlar os focos de contaxio cando todos saben que non teñen competencias e, algúns deles, nin teñen policía municipal.

Feijóo antes pedía ter competencias para xestionar a crise a gora foxe dela

Entón cres que está novamente escorregando o vulto?

E que non se entende que cando estabamos confinados pedía ter as plenas competencias de todo e quixo ser o primeiro en levantar o estado de alarma e agora que resulta que ten todas as competencias ten medo a exercelas. Estase vendo que toda esta crise estalle marchando das mans.

Precisamente, a loita contra as consecuencias sanitarias e económicas da Covid van marcar os vindeiros anos. Cal é a túa receita para saír da crise?

Está claro que hai que saír pola esquerda máis que pola dereita. O modelo de Feijóo é privatizar a sanidade e a educación. Eu quero presidir Galicia para fortalecer a sanidade pública galega e apostar polo estado do benestar e ter uns bos servizos públicos. Investir en igualdade, dependencia e ter unha política económica e industrial activa na xeración de emprego. Non é o mesmo que goberne a dereita que a esquerda, como xa se ve no Goberno de España que acaba de poñer en marcha importantes plans de activación económica para favorecer a empresas, traballadores e aos máis golpeados pola pandemia.

Curiosamente Feijóo tamén insiste nos seus actos electorais en falar de máis sanidade, máis educación e máis servizos públicos?

Pero e que el agora non ten ningunha credibilidade logo de recortar 500 camas e 2.000 millóns de euros na sanidade e adoptar un modelo de privatización de residencias e non cumprir o seu compromiso de ter residencias en cada cidade. Tamén eliminou os libros gratruítos e recortou en 1.000 os profesores. É un conservador partidario dos recortes públicos. E o pior de todo é que se agarra ao frotador do Estado do Benestar para non afogarse. Fronte a isto no PSOE queremos crear 2.000 prazas en residencias públicas, 5.000 prazas en educación, programas para que non haxa alumbos sen ordenador e que non haxa que pagar as matrículas nos estudos universitarios.

En novembro pasado o 55% dos votos en galicia foron progresistas

En todo caso, para poñer en marcha estas medidas terías que gañar os comicios. Cres que estás en disposición de facelo?

En Galicia hai unha maioría progresista. Gobernanos en cinco cidades e en tres deputacións. En novembro o 55% do galegos votaron progresista.E tamén lles pido o voto aqueles que queren cambio porque ese cambio só é posible se é liderado polo PSOE.

E por que algúns medios concretos insisten en que haberá sorpaso e o PSOE quedará por detrás do BNG?

Lin máis de 50 enquisas e todas recollen que imos liderar a maioría progresista cunha posición sólida. E sobre iso pivotará o goberno do cambio. E somos, ademais, un cambio con garantías. E o PP sabe que estamos fortes e por iso nos ataca tanto. Os principais ataques van contra min e contra o PSOE porque sabe que somos a forza do cambio. Pero xa estamos afeitos a estes ataques. Cada día avanzamos e o PP retroce.

En todo caso, de haber un cambio, ten todas as pintas de estar integrado por, cando menos, tres forzas, por un tripartito?

O que nos preocupa aos galegos é que haxa un tripartito de dereitas. O PP xa dixo que pactará coa ultradereita. En Galicia non hai maioría nacionalista, nin popular O que hai é unha maioría progresista. Outros queren manterse no poder aínda que sexa con Vox. En Galicia imos centrar os votos progresistas no PSdeG.

E se Feijóo gaña, cres que acabará marchando a Madrid?

Non vai gañar...

Pero se gaña, ti cres que marchará para Madrid?

Cando gobernemos Galicia chamareino para que tamén el participe na reconstrución. Se quere marchar xa é cousa del. O meu obxectivo é impulsar un goberno de consenso para o benestar dos galegos e galegas.

E se o que non chegas á Xunta es ti, seguirás na oposición?

Eu só contemplo liderar o Goberno da Xunta. É o mellor antídoto para tentar superar esta crise apostando por máis educación pública, máis sanidade pública e máis servizos públicos.

Dígocho porque o teu partido é moi dado a sacar rápidamente os tambores de guerra...

Xa che digo que eu so barallo gobernar a Xunta.

Nos últimos días estamos vendo moitas licitacións de última hora. Que papel está xogando a Xunta nesta campaña?

O PP está amagando en tempo de desconto e non espera a que tome posesión o novo goberno. Está facendo todo o que non fixo en once anos e quere facelo en quince días. O PP xa nos ten acostumados a facer isto. Tamén cando Casado utilizou a Feijóo para confrontar co Goberno central. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta