Máis de 900 laborais fixos participarán nas probas do primeiro proceso global de funcionarización da Xunta

A previsión do Executivo galego é celebrar as probas na primeira semana de outubro.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 16/07/2020 | Actualizada ás 14:09

Comparte esta noticia

Un total de 903 empregados públicos participarán nas probas do primeiro proceso global de funcionarización do persoal laboral fixo da Xunta de Galicia, segundo a lista de admitidos publicada este xoves no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Participantes nas probas de oposicións no recinto feiral de Silleda
Participantes nas probas de oposicións no recinto feiral de Silleda | Fonte: Xunta.

A previsión da Xunta é celebrar estas probas na primeira semana do mes de outubro, e o proceso selectivo que deberán superar será o de concurso-oposición, tal e como se establece no Estatuto do Empregado Público.

En todo caso, trátase dunha proba de características diferentes ás establecidas para un proceso selectivo común pois non é un proceso de carácter competitivo como sucede nun proceso selectivo de acceso libre. Os profesionais que superen este proceso seguirán ocupando o mesmo posto de traballo.

Segundo indica o Executivo galego, trátase dun proceso restrinxido no que só poden participar aqueles traballadores que xa son persoal laboral fixo con contrato na Xunta e que pertencen a algunha das diversas categorías e postos indicados nas convocatorias publicadas no DOG o no mes de febreiro.

Este é o primeiro proceso de funcionarización que se realiza na Administración pública galega, e está previsto no Acordo de Concertación Social do Emprego Público de Galicia asinado entre a Xunta e os sindicatos CC.OO. e UGT a principios de 2019.

É un proceso de carácter voluntario que habilita o persoal laboral fixo incluído no ámbito de aplicación do Convenio Colectivo Único do persoal laboral da Xunta que superou un proceso selectivo para ter esa condición de persoal laboral fixo, para adquirir a condición de persoal funcionario de carreira a través dun procedemento selectivo específico.

A finalidade deste procedemento é "unificar o réxime xurídico aplicable ao persoal que presta servizos na Administración da Xunta de Galicia", para unificar a disparidade de réximes xurídicos aplicables ao persoal e cumprir o principio xeral de que os postos de traballo nas administracións públicas deben ser desempeñados por persoal funcionario.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta