Os mortos tamén poden contaxiar a Covid-19

Expertos de institutos de Medicina Legal e Ciencias Forenses avisan dos riscos de contaxio para os médicos que manexan cadáveres.

Por Alberto Quian | Madrid | 26/07/2020 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Evitar as autopsias ou só realizalas cando sexa absolutamente necesario en casos sospeitosos ou confirmados de Covid-19. Esa é a recomendación que fan expertos de varios institutos de Medicina Legal e Ciencias Forenses de España para evitar o risco infectocontaxioso nos exames post mortem.

Traslado dun enfermo grave con Covid-19
Traslado dun enfermo grave con Covid-19 | Fonte: © Miguel Núñez

A recomendación faise en base á evidencia de que os mortos por Covid-19 poden ser un foco de contaxio. Como? Por un lado, os médicos forenses sinalan os chamados “vectores pasivos” na transmisión do virus, “como células da pel, cabelo, roupa, sabas ou pertenzas persoais” dos falecidos.

Neste sentido, lembran que “aínda que en xeral o procedemento principal de transmisión do SARS-CoV-2 é a través das partículas xeradas pola tose ou por aerosois ou polas mans contaminadas, calquera superficie é susceptible de transmitir o axente patóxeno”.

Aínda que o risco durante a práctica da autopsia “provén fundamentalmente, agás que se xeren aerosois ao utilizar a serra eléctrica, polo contacto con materiais infecciosos e especialmente por salpicaduras”, tamén “os pulmóns e outros órganos poden conter virus” en mortos por Covid-19, polo que “as autopsias forenses de posibles casos sospeitosos e por suposto os casos confirmados, especialmente se non existen signos de violencia, deben reducirse ao mínimo e practicalas só cando sexa absolutamente necesario”, advirten.

Con todo, os expertos son partidarios de “evitar proceder ao exame interno do cadáver”, algo que, recordan, está amparado pola lexislación española.

RECOMENDACIÓNS

No caso de practicarse a autopsia, subliñan que as instalacións “deben estar equipadas con medidas de bioseguridade moito máis estritas que as instalacións habituais”, facilitándose ademais o equipo mínimo de protección persoal recomendado: pixama e gorro cirúrxicos, pantalla de protección facial, bata impermeable e mandil de plástico, enumeran.

Para reducir ao máximo o risco en autopsias ou exames, recordan que só deben intervir un médico forense e un axudante, “respectando sempre unha distancia seguridade entre si”. E “cando por cuestións procesuais sexa necesaria a intervención de dous peritos, un deles actuará como observador”.

Antes de comezar o estudo post mortem, destacan a necesidade de “recompilar a maior cantidade de datos posible sobre a historia clínica do individuo morto para facilitar o estudo médico-legal da súa morte”. Con todo, apuntan, “se se sospeita que o cadáver ten infección por COVID-19, ademais de examinar o seu historial médico e persoal, debemos verificar se hai síntomas anteriores que sexan compatibles coa infección por coronavirus (febre, tose e problemas respiratorios), así como posibles contactos recentes que poden ter con persoas enfermas”.

Se existe a máis mínima sospeita de Covid-19, o que se recomenda é cubrir a boca e os orificios nasais do cadáver cunha máscara ou unha compresa para evitar emanacións mentres se move o cadáver cara á mesa de autopsias.

No caso da roupa do falecido, os expertos recordan que se ben o estudo desta “pode ofrecer información valiosa” na práctica forense, “dado o risco de posible contaxio, e máis especialmente en casos de mortes aparentemente naturais, unha breve descrición e un informe fotográfico poden ser suficientes, xa que parece que o virus SARS-CoV-2 pode permanecer na superficie da roupa durante un ou dous días”.

Canda a roupa inclúen tamén os efectos persoais que puidese levar o falecido, tales como documentos, reloxos, xoias, etc., os cales, ao igual que a vestimenta, “deben considerarse como contaminados” e, polo tanto, debe evitarse a súa recollida “a menos que por circunstancias concretas se poida garantir a súa esterilización”, expoñen.

TIPOS DE MORTES

Os expertos tamén diferencias protocolos na práctica forense en función de dous tipos de morte: naturais e violentas.

No caso de mortes naturais, sen prexuízo das decisións da autoridade xudicial correspondente, e seguindo as recomendacións para o manexo dos cadáveres de Covid-19, recomendan que non se realice a autopsia.

“Despois de recompilar información e examinar o cadáver externamente, se é necesario, pódese tomar unha mostra minimamente invasiva para investigación toxicolóxica”, explican.

No caso de mortes violentas ou sospeitosas de criminalidade, o exame externo do cadáver será “máis exhaustivo, co correspondente informe fotográfico”.

No caso de que o exame interno fose imprescindible, debería ir “dirixido a zonas anatómicas ou órganos concretos”. Mais “non é recomendable extraer órganos, especialmente os pulmóns”, onde pode residir o virus. E a cavidade cranial “só debe examinarse en casos excepcionais, debido ao risco de formación de aerosois durante a súa apertura”.

As recomendacións destes expertos veñen de ser publicadas nun informe publicado no último número da Revista Española de Medicina Legal (xullo-setembro 2020), titulado ‘Gestión de los cadáveres durante la pandemia por COVID-19 en España’, na liña do documento técnico do Ministerio de Sanidade titulado ‘Procedimiento para el manejo de cadáveres de casos de Covid-19’, no que se recomenda neses casos “non realizar autopsias por risco biolóxico de contaxio para os executores da mesma e por risco de propagación do virus“.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta