A docente da USC María José Alonso, distinguida coa Medalla ao Mérito en Investigación e Educación universitaria

Este recoñecemento honorífico do Goberno de España distingue persoas e entidades que destacasen de modo eminente no desenvolvemento e fomento da educación universitaria e da investigación científica e técnica.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 28/07/2020 | Actualizada ás 19:01

Comparte esta noticia

A catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e xefa do grupo Nanobiofar do CiMUS, María José Alonso, recibiu a Medalla ao Mérito na Investigación e na Educación universitaria na categoría de Prata. Outorgado polo Goberno de España, este recoñecemento honorífico distingue a persoas e entidades que destacasen de modo eminente no desenvolvemento e fomento da educación universitaria e da investigación científica e técnica.

María José Alonso
María José Alonso | Fonte: USC.

O Consello de Ministros aprobou a concesión desta medalla en recoñecemento á traxectoria investigadora da profesora Alonso, destacando a súa "prestixiosa traxectoria no ámbito da investigación científica", á que o ministro de Ciencia e Tecnoloxía, Pedro Duque, engadiu na súa intervención o "traballo sen descanso para atopar unha vacina contra a COVID-19".

Ademais de María José Alonso, as Medallas recoñeceron na súa categoría de Ouro, a título póstumo, á investigadora e bioquímica Margarita Salas e ao historiador Santos Juliá. Na categoría de Prata, tamén foron distinguidos os virólogos e investigadores do CSIC Luis Enjuanes e Mariano Esteban.

A profesora María José Alonso agradeceu na súa intervención o recoñecemento e fíxoo extensivo a todos os seus compañeiros de profesión, afirmando sentirse "privilexiada por abordar o gran reto que representa o desenvolvemento dunha nova vacina" contra o coronavirus, insistindo que "a ciencia gañará a batalla".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta