O Parlamento deixa "vacante" o escano de Villares a cinco días de constituírse o novo hemiciclo

O maxistrado decidiu en febreiro reincorporarse da súa excedencia tras os comicios "por estética xudicial", pero o covid atrasouno meses

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 03/08/2020 | Actualizada ás 17:43

Comparte esta noticia

A Mesa da Deputación Permanente reuniuse o pasado venres 31 de xullo para, entre outros asuntos, tomar en consideración a renuncia que presentara o xa exdeputado e maxistrado Luís Villares. A propia Deputación Permanente celebrou ese mesmo día, por primeira vez na historia da cámara, unha reunión para debater sobre a convocatoria de dúas comparecencias.

Luís Villares, durante unha entrevista con Europa Press no Parlamento de Galicia
Luís Villares, durante unha entrevista con Europa Press no Parlamento de Galicia | Fonte: Europa Press

A renuncia de Villares está recollida no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia (BOPG), con data de este 3 de agosto. Así, cinco días antes de que se constitúa o novo hemiciclo saído das urnas o pasado 12 de xullo, a Cámara declara "vacante" un escano da antiga En Marea por Lugo, que xa non se cubrirá.

E é que estes trámites practicamente extemporáneos producíronse, segundo explicaron  fontes da contorna do maxistrado, meses despois da planificación inicial que se fixo, posto que a intención inicial tiña en conta deixar o posto en canto se celebrasen os comicios de abril.

Concretamente, estas mesmas fontes indicaron que a idea de Villares era pedir a súa reincorporación á maxistratura ao día seguinte das eleccións previstas inicialmente para o 5 de abril, co fin de evitar calquera interpretación de ánimo de "interferir" no proceso electoral desde o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Pero a situación de crise sanitaria atrasou varios meses este movemento, posto que primeiro canceláronse as eleccións e, despois, convocáronse para o 12 de xullo. A intención do maxistrado, segundo estas mesmas fontes consultadas, era evitar unha lectura das súas sentenzas comprometida polas eleccións.

"En definitiva, quedar á marxe de asinar sentenzas, por estética xudicial", explicaron estas mesmas fontes, as cales tamén apuntaron que en canto pasaron os comicios de xullo, Villares presentou a súa renuncia, pero a Mesa "non se reuniu" para tomala en consideración ata o venres pasado.

Así, e a pesar de ser un formalismo, posto que apenas faltan cinco días para a constitución do novo hemiciclo, a Mesa da Deputación Permanente "acepta a renuncia de Luís Villares como deputado e declárase vacante o seu escano pola circunscrición electoral de Lugo na lista de En Marea".

A vontade do deputado foi "expresamente" manifestada mediante a súa comparecencia ante a Mesa da Cámara, un trámite que é perceptivo. A renuncia ten efectos xurídicos con data do 31 de xullo de 2020.

O acordo foi notificado ao interesado, ao propio Grupo Mixto e a Intervención e a Asuntos Económicos, así como aos servizos de Persoal e Réxime Interior, de Tecnoloxías da Información e de Asistencia Parlamentaria.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Agostino das mortes

por favor xunten xa o congreso dos elexidos.... pois o señor de moitisima edade pode intentar meterse pola porta falsa decindo que lle corresponde ...pode decir calisquer barbaridade... que si foi presidente por un día cando foi a votación de mesa por edade moita edade pois supera con moito o matusalencio bíblico e demais patriarcas... si fan xuntanza rápida pecharan a porta o horripilante espantallo... XUNTEN O CONGRESO FAGANME CASO NON SEXAN PAILANS!!!!-