Crespo (PP): "Imos ter que ir ao matadoiro para poder cobrar os cartos do Goberno central"

Alcaldes do PP e o presidente da Deputación de Ourense, seguen a estratexia do PP de Madrid, e queren levar ao Goberno central ao TC para evitar a proposta do remanente. Gonzalo Caballero di que a "única solución viable posible" e o BNG di que serve de "coartada para financiarse con recursos que son dos concellos galegos".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/08/2020 | Actualizada ás 11:46

Comparte esta noticia

Cargos locais do PPdeG expuxeron a posibilidade de promover un recurso de inconstitucionalidade contra a proposta do Ministerio de Facenda para que os municipios entreguen o remanente ás arcas estatais, unha especie de préstamo que logo o Estado devolvería nun prazo de varios anos.

Un día despois de que o socialista Abel Caballero, alcalde de Vigo, tivese que empregar o seu voto de calidade para que saíse adiante o apoio da Federación de Municipios e Provincias (FEMP) a esta proposta; compareceron na sede do PP galego o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o vicepresidente da Fegamp e alcalde de Cervo, Alfonso Villares; e os alcaldes de Lalín, Xosé Crespo; e de Porto do Son, Luís Oujo, para visibilizar a postura rotundamente en contra dunha media que, afirman, debe ser "modificada".

Foi Baltar o que expuxo a posibilidade de que se presente un recurso de inconstitucionalidade ao decreto lei cando se convalide no Congreso, unha acción para a que aínda non hai prazo. A adhesión ao documento por parte das entidades locais é "voluntaria", pero en palabras de Crespo, "non lles vai a quedar máis remedio que ir ao matadoiro", porque é unha "chantaxe" para poder acceder a financiamento.

O presidente da Deputación de Ourense expuxo, así mesmo, que o recurso poida presentalo o seu propio partido, pero tamén instou aos demais que se mostraron en contra a sumarse a esta posibilidade, que aínda non está falada. Na votación da FEMP expresáronse en contra os representantes do PP, Cs e PdeCat, mentres que o representante de Unidas Podemos abstívose, o que obrigou a usar o voto de calidade do presidente da federación para que saíse adiante o apoio ao documento.

Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, xunto ao vicepresidente da Fegamp e alcalde de Cervo, Alfonso Villares, o alcalde de Lalín, Xosé Crespo, e o alcalde de Porto do Son, Luís Oujo, en rolda de prensa contra o decreto de remanantes
Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, xunto ao vicepresidente da Fegamp e alcalde de Cervo, Alfonso Villares, o alcalde de Lalín, Xosé Crespo, e o alcalde de Porto do Son, Luís Oujo, en rolda de prensa contra o decreto de remanantes | Fonte: Europa Press

ESTRATEXIA POPULAR

Esta actuación do PPdeG coincide coa anunciada co vicesecretario de Política Territorial do PP, Antonio González Terol, que dixo que o seu partido emprenderá unha ofensiva parlamentaria para defender os intereses de todos os concellos e deputacións, xa que, segundo dixo, o xefe do Executivo, Pedro Sánchez, e o presidente da FEMP, Abel Caballero, acordaron "expropiar" os aforros municipais. Ao seu entender, o Goberno "fai isto para financiar as súas propias políticas e para dar liquidez á Administración Xeral do Estado".

GONZALO CABALLERO

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, considerou a proposta do Ministerio de Facenda "a única alternativa viable" e remitiu ás declaracións do presidente da Federación de Municipios e Provincias (FEMP) e alcalde de Vigo, Abel Caballero, calquera outra valoración.

Así o dixo ao ser preguntado pola formulación que avanzaron varios cargos populares este mesmo martes e que apostan por presentar un recurso de inconstitucionalidade ao futuro decreto do goberno.

BNG

O BNG mostrou tamén este martes o seu rexeitamento ao acordo da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) que serve de "coartada para financiarse con recursos que son dos concellos galegos". Tal e como expresou a través dun comunicado de prensa, o BNG reclama unha nova lei de facendas locais que "acabe coa discriminación financeira dos municipios do país" e permita unha "negociación directa" entre a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e o Estado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta