"DomusVi quere pechar as portas ás visitas para agochar as miserias do seu servizo"

O regreso da covid ás residencias encende os ánimos de familiares e asociacións, que anuncian novas mobilizacións para protestar contra Xunta e empresas.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/08/2020 | Actualizada ás 11:40

Comparte esta noticia

A covid regresa as residencias e os familiares e asociacións ás rúas. Logo de que se informara de dous novos positivos na Domusvi de Matogrande, a plataforma REDE anuncia unha ampliación das súas mobilizacións para honrar ós falecidos pola pandemia, esixir medidas de protección á Xunta e denunciar as prácticas dalgúns dos grupos empresariais que controlan este servizo; entre elas a sedación de anciáns ata a morte ou a modificación intencionada de historiais clínicos, como revelou GC.

Persoa maior nunha residencia
Persoa maior nunha residencia

“DomusVi mata e maltrata”, “son maiores, non son mercaduría”, foron os eslogans máis coreados polas rúas de Bueu na mobilización que o pasado domingo reuniu a familiares de falecidos e usuarios de DomusVi Aldán. Á concentración na lucense seguiralle este martes unha homenaxe na Praza Maior de Celanova ás 11 vítimas falecidas na Residencia San Carlos, que ten "a triste honra de ser a primeira residencia de Galicia na que penetrou en masa o coronavirus".

 

Cun carácter máis reivindicativo, como é costume dende hai dous meses, os familiares dos usuarios e vítimas da xestión da pandemia da residencia DomusVi Aldán foron convocados o pasado domingo diante da casa consistorial do concello de Bueu para pedir explicacións sobre a "horríbel traxedia que levou por diante a vida de 38 anciáns residentes". En conxunto, asociacións e familiares volven á primeira liña das mobilizacións ante un avance da covid que cada vez parece coller máis forza.

HISTORIAIS MANIPULADOS E SEDACIÓNS ATA A MORTE

A plataforma REDE denuncia, á parte, a intención do grupo Domusvi de "pechar as portas" ás visitas dos familiares para "agochar as miserias do seu servizo". Como publicou Galicia Confidencial, sanitarios que traballaron nas residencias do grupo privado dan conta da manipulación de historiais clínicos -"dixéronme que tiña que borrar o escrito"- e incluso de casos de anciáns que "morreron con sedación" para non ter que levalos ao hospital.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta