As medidas á hostalaría coruñesa non se suspenderán pola "indubidable preponderancia" da saúde pública

Os maxistrados do TSXG destacan que as restricións están "avaladas" por informes de autoridades sanitarias e advirten de que a evolución no número de contagios na comarca é "preocupante".

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 13/08/2020 | Actualizada ás 15:52

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rexeita suspender as restricións á hostalaría impostas pola Xunta o pasado venres pola "indubidable preponderancia" da saúde pública fronte aos intereses dos hostaleiros, segundo informou o alto tribunal.

Nun auto a Sala do Contencioso-administrativo sostén que entende o "interese" dos empresarios de hostalaría de "evitar prexuízos económicos" que causan as medidas, pero conclúe que "a natureza dos intereses en conflito, e a indubidable preponderancia do interese xeral na protección da saúde pública, impiden adoptar a medida interesada".

Os hostaleiros pedían ao TSXG que suspendese de maneira cautelar a orde de peche ás 00,30 horas dos locais, pero a sala defende que das medidas do Goberno galego "subxace o interese en evitar a aglomeración de persoas, de procurar que se respecten as medidas de distanciamento, e, en definitiva, de protexer a saúde pública".

Os maxistrados destacan que as restricións están "avaladas" por informes de autoridades sanitarias e advirten de que a evolución no número de contagios na comarca é "preocupante". Son os mozos, din, aos que afecta "de forma predominante" o virus e son estes, engaden, "os que frecuentan en maior medida discotecas e demais locais de lecer nocturno".

PEZA ORDINARIA

A Sala do Contencioso-administrativo acordou tamén, segundo informa o TSXG, que o recurso continúe a tramitación como unha peza ordinaria de medidas cautelares e así dar traslado da mesma á administración autonómica para permitir "a posibilidade de facer alegacións".

A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría da Coruña presentou o pasado luns o recurso ante o TSXG porque consideraba que as medidas non tiñan "cobertura legal" se non emanaban do Goberno estatal e o escrito baseábase noutro dos empresarios aragoneses aos que a xustiza deu a razón nun caso similar.

Sede do TSXG. EUROPA PRESS
Sede do TSXG. EUROPA PRESS | Fonte: XUNTA - Arquivo

LOITAR "POLA SUPERVIVENCIA"

O presidente de Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría da Coruña, Héctor Cañete, enmarcou o recurso na loita pola "supervivencia do sector" e advirte da situación na que se atopan moitos establecementos.

"Hai moita xente que está cos locais de lecer nocturno pechados ou que non abren porque non compensa e non poden solicitar Ertes", lamenta o representante da hostalaría na provincia, que lembra que o recurso seguirá igualmente o seu curso.

Sobre a prohibición de fumar se non hai distancia de seguridade, o presidente dos hostaleiros coruñeses defende que esta medida rexe "en todas partes" e non só nos locais que representa. "Somos afectados, pero tampouco é un problema da hostalaría", engade.

"O problema grave é o sanitario, o virus, e isto só supón que chove máis sobre mollado", defende Cañete, que apostila que esta nova medida "non axuda" porque se une ás restricións en toda a comarca coruñesa desde o pasado venres.

O representante do sector explica que os locais xa están "moi mal". "Están medio baleiros porque hai medo, a xente queda en casa, e a nivel turístico non vén ninguén polo brote", describe, polo que considera que esta medida podería ser "máis dura" se se dese noutro momento.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta