Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/08/2020 | Actualizada ás 14:59
O Festival de Málaga acolle este martes, 25 de agosto, na súa sección de Zonazine, a estrea en España de 'Lúa vermella', a nova longametraxe do cineasta vigués Lois Patiño. A película --producida por Zeitun Films e Amanita Studio-- parte da premisa dun pobo na costa galega no cal o tempo parece deterse. Todas as persoas están paralizadas, mentres que natureza e animais se moven libremente. A sensación é a de estar nun limbo cheo de espectros. Tres mulleres chegan ao lugar capaces de moverse entre estas dúas dimensións, e tratan de atopar ao Rubio, un experimentado mergullador, desaparecido desde hai uns días.
Rubio de Camelle interprétase a si mesmo nun elenco coas actrices Ana Marra, Carmen Martínez e Pilar Rodlos, que dan vida ao trío de bruxas que, como a Santa Compaña, habitan o espazo onírico da película. No seu equipo artístico atópase como directora de arte a cineasta Jaione Camborda.
De tal forma, o director galego profunda nas "lendas e crenzas" dun universo que xa retratara na súa ópera prima, 'Costa da morte', pola que recibiu o premio ao Mellor Director Emerxente no Festival de Locarno.
ESTREA GALEGA EN CURTOCIRCUÍTO
Pola súa banda, despois do seu 'première' na Sección Forum da Berlinale, Lúa Vermella terá a súa estrea galega en 'Curtocircuíto', o festival compostelán --que se celebrará do 3 ao 11 de ocubre--. Esta cita será en formato presencial no Teatro Principal de Santiago, coa repartición e director da película.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.