Hostaleiros de Ourense lamentan o "paso atrás" coas restricións e prevén unha "caída" de clientes

Ven "probable" que baixen a persiana máis locais porque xa "está a caer" a demanda.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/09/2020 | Actualizada ás 16:33

Comparte esta noticia

O sector da hostalaría ourensán recibiu con pesimismo as novas restricións postas en marcha pola Xunta para frear os contagios de COVID-19 na cidade, que cualificaron de "un paso atrás" tras un agosto no que "se estaba traballando ben". Outro dos sectores afectados, o dos ximnasios, augurou que haberá unha "caída" de clientes.

O presidente da Unión de Hostaleiros de Ourense, Javier Outomuro, cualificou de "baixón" a situación actual do sector na cidade: "É un pau para a hostalaría, á parte de que estamos en setembro".

Así, Outomuro dixo que é "probable" que baixen a persiana máis locais porque xa "está a caer" a demanda. "Unhas medidas levaron a outras a tomar a decisión do peche", resolveu.

De feito, nun encontro este mesmo xoves cun hostaleiro de eventos, Outomuro recibiu malas impresións: "Díxome que o verán deste ano está totalmente perdido".

Con todo, o sector non desiste e continúa "traballando coa ilusión posta cara ao ano que vén" porque, subliñou o responsable, son uns "guerreiros".

OS XIMNASIOS PREVÉN UNHA CAÍDA DE USUARIOS

As medidas restritivas aplicadas polas autoridades sanitarias tamén inclúen agora o uso obrigatorio da máscara nos ximnasios, unha novidade que provocará, presumiblemente, "unha caída de clientes", confirmou un dos recintos afectados, situado no centro de Ourense.

"Antes, na zona de 'cardio', eramos un pouco máis sensibles coa máscara sempre que se mantivesen as distancias", destacou un dos responsables do local, aínda que a obrigatoriedade imposta desde esta pasada medianoite "vai botar un pouco máis para atrás" aos clientes.

Ademais, este novo revés chégalle ao sector nun escenario xa minguado de seu, xa que a día de hoxe, neste caso concreto, os inscritos suman "menos do 50%" do que había antes da pandemia de coronavirus.

Noutro espazo da capital ourensá, as sensacións son semellantes; "aínda non se reincorporaron a cantidade de persoas que había --están nun 40% de ocupación--" e as novas medidas farán que mesmo se vaia  "reducir un pouquiño" o número de clientes.

"Hai persoas que, talvez, como teñen que estar o resto do día nas rúas, nas oficinas... usando máscara, usala aquí tamén lles é un pouco complicado", apostilaron desde este último establecemento, aínda que o certo é que non houbo un repunte de baixas nestas primeiras horas de limitacións.

Desde outro ximnasio ourensán engadiron que "é moi probable" que lles "afecte sobre todo nas clases colectivas" e temen que, a pesar de que o número de usuarios mantense "estable" desde a chegada da nova normalidade, agora volva reducirse: "A partir de hoxe, que xa a máscara é obrigatoria, vaiche ti a saber...", resolveron.

JÁCOME CHAMA A CUMPRIR AS MEDIDAS "ESCRUPULOSAMENTE"

Pola súa banda, o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome (DO), reclamou á cidadanía que cumpra "escrupulosamente" as medidas aplicadas pola Xunta. Fíxoo a través dunha nota de prensa do propio concello, na que fai "un chamamento porque é responsabilidade de todos".

Asmismo, o portavoz municipal de DO, Armando Ojea, preguntado sobre as propostas concretas do Goberno local para axuntar esforzos contra a pandemia, limitouse a expresar que estas se toman "sempre en base ao departamento de Riscos Laborais e en coherencia coa normativa sanitaria estatal e autonómica".

Polo momento, as piscinas municipais de Oira adiantaron a súa clausura e estarán abertas ata hoxe ás 15,30 horas para evitar aglomeracións. Así o trasladou o Consello Municipal de Deportes nas súas redes sociais "ante o risco de confluencia simultánea de máis de 100 persoas no recinto".

RESTRICIÓNS DA XUNTA

As novas restricións ditadas pola Xunta entraron en vigor este xoves e serán revisadas no prazo dunha semana segundo evolucione a situación epidemiolóxica da cidade.

Entre as restricións, reducirán o seu aforamento á metade os comercios, bibliotecas, museos, cinemas, teatros, auditorios, academias, autoescolas, centros de formación, lugares de culto, feiras, albergues e tamén os locais de hostalaría, tanto en interior como en terraza, os cales, ademais, prohibirán o consumo en barra.

Así mesmo, os usuarios de ximnasios farán uso obrigatorio da máscara; as reunións, familiares ou entre amigos, limítanse a un máximo de 10 persoas; e restrínxese o aforamento en vodas --100 invitados en exterior e 50 en interior-- e velorios --25 en exterior e 10 en interior, cun límite de 25 persoas nos enterros e comitiva fúnebre--.

Ademais, blíndanse os centros de día e as residencias, e darase prioridade a atender nos diversos establecementos aos maiores de 75 anos.

Hoxe, a área sanitaria de Ourense rexistrou 24 novos casos activos de coronavirus, por encima dos 19 do mércores, sumando un total de 386 actualmente, 30 deles hospitalizados en planta e 4 en UCI, o resto recupérase con poucos síntomas ou como asintomáticos no seu domicilio.

Termas en Ourense
Termas en Ourense

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta