Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/09/2020 | Actualizada ás 12:44
O positivo en covid-19 dun dos traballadores da brigada helitransportada do servizo contra incendios forestais de San Xoán de Río (Ourense) obrigou a pór en corentena a 22 persoas, segundo informan a Europa Press fontes da Consellería de Medio Rural.
En concreto, o departamento autonómico sinala que tivo coñecemento da confirmación do positivo este venres e que, "de maneira preventiva" e seguindo os protocolos sanitarios, o persoal da brigada acudirá ao seu médico de cabeceira para que sexan os facultativos os que avalíen a súa situación.
A brigada helitransportada de San Xoán de Río está integrada por un total de 22 profesionais. Con todo, a consellería indica que o helicóptero vai permanecer "operativo para a descarga de auga (sen brigada)" e que a prestación do servizo "está, en todo caso, garantida co resto do persoal do distrito XIII e dos demais distritos".
Os pilotos non están en contacto coa brigada, segundo explica Medio Rural, posto que na base están separados e no helicóptero van "en compartimentos tamén separados". Este positivo no servizo contra incendios forestais súmase aos detectados nos últimos días nunha cuadrilla da Cañiza, en Pontevedra, e na Lourenzá, en Lugo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.