Por Alberto Quian | Madrid | 09/09/2020 | Actualizada ás 22:00
A disfunción olfactiva e gustativa foi descrita pola comunidade científica como un dos síntomas máis comúns en infectados con Covid-19. E parece que pode afectar máis a pacientes novos e a mulleres, segundo un estudo realizado en cinco centros hospitalarios en España, con participación do Departamento de Otorrinolaringoloxía do Complexo Hospitalario de Santiago de Compostela (CHUS).
O estudo, recentemente publicado, realizouse entre o 21 de marzo e o 18 de abril de 2020, con 197 pacientes ambulatorios positivos por SARS-CoV-2 e un grupo de control con 107 individuos con síntomas similares aos dun arrefriado común ou gripe e dous negativos nas probas de Covid-19, todos eles maiores de idade, para comparar a frecuencia e gravidade da disfunción olfactiva e gustativa, tamén coñecida como alteración quimiosensorial.
O que atoparon os investigadores é que as frecuencias de perda de olfacto e gusto foron significativamente máis altas entre os suxeitos con Covid-19 (70,1 % e 65 %, respectivamente) que no grupo de control (20,6 % e 19,6 %). Tamén observaron que a perda simultánea de ambos os dous sentidos foi máis frecuente no grupo con Covid-19 (61,9 %), en comparación cos controis (10,3 %).
Pero talvez o máis interesante sexa a observación dunha maior incidencia nos pacientes máis novos e en mulleres.
PERDA DO OLFACTO
Dos 197 positivos en Covid-19, 138 (o 70 %) informaron disfunción olfactiva: o 5,8% tiña perda do olfacto leve, o 23,2% moderada e o 71 % grave.
O perfil dos suxeitos con perda severa do olfacto foi máis novo e recuperáronse máis tarde que aqueles con perda leve. Con todo, non se atoparon diferenzas por gravidade na perda do olfacto manifestada como primeiro síntoma, taxa de recuperación e sexo.
PERDA DO GUSTO
Do total de suxeitos con Covid-19, 128 (o 65%) informaron disfunción do gusto: o 6,3% tiña perda leve, o 28,1% moderada e o 65,6% severa.
Neste caso non se atoparon diferenzas significativas por idade ou sexo na gravidade da perda do gusto manifestada como primeiro síntoma da Covid-19 e na taxa de recuperación, aínda que os pacientes con perda severa do gusto recuperáronse máis tarde, en comparación con aqueles con perda leve.
POR XÉNERO
Os autores do estudo atoparon que as frecuencias da perda simultánea de olfacto e gusto foron significativamente máis altas entre mulleres (68 %) que en homes (51,4 %). Tamén acharon que a perda só do gusto era superior nelas (71,2 % vs 54,2 %). Con todo, non atoparon diferenzas tan amplas na perda só do olfacto (72% vs 66,7 %).
En canto á severidade da alteración quimiosensorial, as mulleres puntuaron máis alto en perda do gusto que os homes, pero non se atoparon diferenzas significativas na perda do olfacto.
En definitiva, as mulleres mostran unha perda do gusto máis frecuente e severa que os homes, e maior frecuencia de perda simultánea de ambos os dous sentidos.
OUTROS ESTUDOS
Aínda que as porcentaxes varían, o primeiro estudo en Europa en identificar disfuncións olfactivas e gustativas como síntomas significativos da enfermidade causada polo coronavirus SARS-CoV-2 –publicado en abril e participado tamén polo CHUS– xa adiantou que as mulleres están significativamente máis afectadas por estes trastornos que os homes.
Esta maior incidencia nas mulleres "estaría relacionada coas diferenzas de xénero no proceso de reacción inflamatoria", explican os científicos
Os autores daquel estudo xa alertaron que "ademais da alta prevalencia" destas disfuncións en pacientes con Covid-19, "os médicos deben ter en conta que o trastorno olfactivo pode aparecer antes que o resto de síntomas no 11,8% dos casos", sendo importantes indicadores para a detección temperá da enfermidade.
Con todo, non todos os pacientes con Covid-19 que din sufrir estes trastornos perden estes sentidos. Así o evidencia un estudo, con participación tamén do CHUS, no que se indica que “só o 62% dos pacientes con Covid-19 con disfunción olfactiva autoinformada ten anosmia [perda total] ou hiposmia [perda parcial] na avaliación olfactiva psicofísica obxectiva”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.