Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/09/2020 | Actualizada ás 16:30
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, reivindicou que o Goberno galego "cumpre o compromiso" alcanzado cos representantes do sector do lecer nocturno ao permitir a estes locais a apertura de terrazas "nas mesmas condicións" que a hostalaría.
Preguntado respecto diso este venres, Rueda apelou ás "razóns sanitarias" que esgrimen os "expertos" para tomar esta decisión, que "minora" os efectos da medida "dura" que foi a do peche total deste sector ante a pandemia da covid-19.
Así, co aforamento ao 75% destas terrazas, o que o Executivo autonómico busca, segundo dixo o vicepresidente, é "non manter ningunha medida que sexa máis estrita do que sexa necesario" e dar un "desafogo" ao lecer nocturno, consciente de que esta non é "nin moito menos a solución definitiva".
En calquera caso, valorou estar "no bo camiño" para "aos poucos ir recuperando a actividade" e apuntou á reunión que manterán o vindeiro luns co conselleiro de Sanidade, "moi conscientes" da difícil situación do sector.
Por último, apelou aos empresarios do sector para que "sigan facendo gala desa responsabilidade" e aos usuarios para "que teñan en conta que a súa participación é fundamental para non dar pasos atrás" na loita contra a pandemia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.