A Covid-19 xa golpea colexios galegos: incidencias en dous centros de Sanxenxo e Carballo por positivos de alumnos

Os positivos dunha alumna no CEIP Magaláns de Sanxenxo e doutro no CEIP Netoma-Razo obriga a activar o protocolo.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 14/09/2020 | Actualizada ás 17:28

Comparte esta noticia

O positivo por COVID-19 dunha nena nun CEIP de Sanxenxo, na provincia de Pontevedra, e doutro nun colexio de Carballo obrigou a activar os protocolos sanitarios ante o coronavirus nos centros.

Test COVID-19 en Galicia.
Test COVID-19 en Galicia. | Fonte: Xunta.

Segundo indicou o goberno local de Sanxenxo, neste caso trátase dunha alumna de Infantil do CEIP Magaláns, que deu positivo nas probas tras sentirse indisposta durante a xornada do venres.

A familia da menor recibiu a confirmación do positivo por parte do Sergas na tarde do domingo e na mañá deste luns trasladou a información ao centro.

O colexio xa indicou ao Sergas a listaxe dos seis alumnos e docentes da aula para realizar o seguimento e tomar as medidas oportunas, ben a través de probas de diagnóstico ou decretar illamentos.

Doutra banda, a afectada ten dous familiares matriculados na gardaría municipal do Revel, cos que mantén un contacto estreito.

As dúas menores xa non acudiron este luns á gardaría e, tras a confirmación do positivo, practicaránselles as probas PCR. A dirección comunicou ao resto das familias destas dúas aulas a situación e as medidas a seguir.

Desde o Goberno local sinalan que o que ocorreu "é un escenario previsto polas autoridades sanitarias e educativas" e por tanto, "aínda que o ideal é que non houbese contaxios, esa non vai ser a realidade" do territorio nos próximos meses.

"Ao longo do curso produciranse situacións similares", insistiron, para apelar a "que se apliquen os protocolos establecidos coa máxima eficacia posible" e "evitar a propagación do virus".

CARBALLO

A confirmación dun caso positivo de COVID-19 entre o alumnado dun CEIP de Carballo obrigou a suspender as clases no nivel de 3º de primaria.

En concreto, trátase dun escolar do CEIP Nértoma-Razo, do que o Goberno local tivo coñecemento este fin de semana.

A dirección do centro activou o protocolo ante a aparición deste caso positivo e solicitou a colaboración do Concello de Carballo para realizar unha desinfección especial, que levou a cabo este mesmo domingo, na aula do alumno afectado como nos espazos comúns.

O centro mantén a súa actividade, á espera da evolución dos datos, aínda que a Consellería de Educación suspendeu a actividade nese nivel, segundo engaden fontes municipais. Así mesmo, a edil de Educación de Carballo, Mar Eirís, está en contacto permanente coa directora da escola.

En todo caso, o Goberno local destacou que desde o establecemento das medidas restritivas o pasado xoves en Carballo e A Laracha, ampliadas a Ponteceso e Laxe, a comarca de Bergantiños rexistrou unha caída no número de casos activos de 27 persoas.

Así mesmo, dos 164 casos activos na comarca de Bergantiños, 66 deles están no Concello de Carballo, pero a cifra mantense estable desde o sábado.

Doutra banda, o tamén se rexistrou un caso positivo no CEIP Manuela Rial Mouzo, en concreto un dos docentes do centro, aínda que a situación está controlada.

O caso consultouse co coordinador do centro de saúde e a xefatura territorial da Xunta, e cumpríronse rigorosamente as instrucións que lles indicaron, ademais da limpeza e desinfección dos espazos.

Segundo indican estas fontes, trátase dun grupo moi reducido de escolares e todos usaban máscara, polo que continuará a actividade no centro salvo nesa aula.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta